DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido por estudantes e titulados, Agarima Fest terá lugar o venres 26 de xaneiro 

Unha mostra levará ao Teatro Principal as curtas do alumnado da Facultade de Comunicación

Proxectaranse once traballos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 16/01/2024

Como “un espazo para a proxección e presentación de proxectos audiovisuais xerados baixo o foco da UVigo e outras escolas de cine galegas” preséntase Agarima Fest, unha mostra de curtametraxes promovida por titulados, tituladas e alumnado do campus, co apoio da Facultade de Comunicación. Coordinado pola graduada en Belas Artes Eva Iglesias e o titulado en Comunicación Audiovisual Manu Sacoga, o evento desenvolverase o venres 26 de xaneiro no Teatro Principal e nel poderán verse once curtametraxes, boa parte delas nacidas como traballos académicos na Facultade de Comunicación.  

Programado para as 16.30 horas, Agarima Fest foi promovido polo colectivo Color2Dark, integrado por titulados e tituladas das facultades de Comunicación e Belas Artes, coa colaboración das agrupacións Kasa Vella, formada tamén por estudantado do campus, e Ondamar, integrada por alumnado do CIFP Audiovisual de Vigo. Nesta mostra poderán verse curtas nacidas como traballos académicos en Comunicación Audiovisual, como Flores Blancas, de Marcos Herrera; Ángel de Plástico, de Manu Sacoga; Ágape, de Patricia Villalón e Víctor Couto; Solpor, de Susana Alba, ou Xogo de Nenos, unha curta dirixida por Miguel Romero Berride, premiada recentemente no III Concurso A Canteira-Augal. Coa participación de alumnado e egresados nos equipos técnicos de todas as curtas, esta mostra completarase coas proxeccións de Tara, de Rebeca Tella e Daniel Filloy; Excoriación, de Eva Iglesias, Despois de ti, de Paula Pereira; Un abrazo es un mundo entero, de Manu Sacoga, Lixo, de Óscar Silva e Pablo Martínez, e Tan só o demo lembra, de Dani Iglesias.

Con entrada libre, aínda que será posible reservar unha praza a través das redes sociais, esta mostra completarase cun coloquio cos directores e directoras, previsto para as 20.15 horas.

Vocación de continuidade

“A nosa intención é celebrar este evento anualmente, para poder servir de escaparate para o talento galego novo”, sinalan desde a organización dun evento ao que avogan por dar continuidade, “sempre co protagonismo do estudantado de Comunicación e Belas Artes e en colaboración con outras escolas audiovisuais”. Nesta primeira edición, o evento conta coa colaboración da Facultade de Comunicación, desde a que poñen en valor o impulso “deste tipo de iniciativas por parte do alumnado, posto que axudan a visualizar os seus traballos, sacándoos da contorna da facultade”, ao mesmo tempo que lles achegan unha formación práctica en materia de “organización e produción de eventos”, como destaca o vicedecano de Comunicación, Paulino Pérez.