DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mes estanse a desenvolver tres cursos, dous para estudantes e outro para os docentes

Multiplícanse as actividades de educación para os ODS

As formacións compleméntanse coa busca de estudantes dispostos a converterse en ‘Axentes de Cambio’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Académica
D. Besadío DUVI 18/11/2022

Novembro é na UVigo un mes no que se multiplican as actividades de educación para os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, ODS. Coinciden nestas datas diferentes cursos, totalmente gratuítos, cos que, por unha banda, “consolidar o coñecemento da Axenda 2030 e o compromiso da comunidade universitaria cara a consecución dos ODS” e, da outra, “trasladar os retos que representan estes obxectivos ás aulas e fomentar a docencia e a investigación centradas no seu estudo”, tal e como explica Henar Quintas, responsable da Área de Equidade e Diversidade da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade.

Cursos, voluntariado e premios para o alumnado

No caso da formación dirixida ao alumnado, estanse a desenvolver dous cursos en liña –a través da plataforma Moovi-, de 30 horas cada un e para os que se cubriron as 30 prazas dispoñibles. O primeiro, Elaboración do TFG/TFM en perspectiva Axenda 2030 e Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento, vai dirixido a fomentar a investigación en materia de Axenda 2030, Cooperación e Responsabilidade Social Universitaria, co obxectivo de que as alumnas e alumnos introduzan estas cuestións na realizacións dos seus traballos de fin de estudos, xa sexan de grao ou de mestrado. Nesta liña, a Universidade conta tamén cunha convocatoria anual de premios para os mellores traballos presentados nestas temáticas, estando nestes intres a piques de coñecerse os gañadores da cuarta edición, entre os que se repartirán un total de 9000 euros.

O segundo curso, Axenda 2030. Axentes do cambio, posibilita que o alumnado se achegue aos contidos da axenda dun xeito práctico, incidindo en aspectos tales como a igualdade, a protección do planeta e o desenvolvemento sostible e inclusivo.

A maiores, estas actividades compleméntanse co proxecto de voluntariado ‘Axenda 2030. Axentes de cambio’ para o que se buscan alumnas e alumnos comprometidos que, “ademais de recibir 1 ECTS, queiran contribuír a cambiar o mundo desvelando aos seus compañeiros e compañeiras os elementos esenciais da axenda e participar na organización de eventos”, explica a responsable da área, ao que engade que ambas actividades –o curso Axenda 2030 e o voluntariado- poden facerse de xeito independente.

Os docentes buscan os mellores xeitos de introducir os temas de sustentabilidades nas clases

No caso da formación para o persoal docente e investigador estase a levar a cabo, coa colaboración da Escola Aberta de Formación Permanente, o curso Introdución á sustentabilidade na docencia universitaria. Cun enfoque eminentemente práctico, o curso busca formar aos asistentes nos mellores xeitos de incluír a sustentabilidade no día a día das clases e facelo no sentido amplo que marca a Axenda 2030, “incluíndo non só cuestións ambientais, senón tamén sociais e económicas”, recalca Quintas.

Neste caso, o curso, de 25 horas, ten docencia mixta e combina a docencia presencial, todos os venres de novembro no edificio Miralles, con actividades realizadas a través de Moovi. Participan como docentes Silvana Longueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora do equipo de traballo de Sostenibilización Curricular de CRUE Sostenibilidad; Emma Juaneda, da Universidad de La Rioja e membro da Cátedra Unesco de cidadanía democrática e liberdade cultural; e Iratxe Amiano, da Universidad del País Vasco, onde exerceu como directora de Responsabilidade Social desde 2009 ata 2017.