DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O coro do campus ofrece o domingo un concerto co gallo do Día das Letras Galegas

Música para homenaxear a Francisco Fernández del Riego

Terá lugar na igrexa de Santa Mariña de Augas Santas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 11/05/2023

O domingo 14 de maio, ás 19.00 h, a igrexa de Santa Mariña de Augas Santas acollerá o concerto O Camiño Andado polo Río do Tempo, ofrecido polo coro universitario do campus de Ourense Schola Cantorum. Con el, a formación e a Vicerreitoría do Campus de Ourense únense á celebración este 17 de maio do Día das Letras Galegas e á homenaxe ao escritor Francisco Fernández del Riego, protagonista desta edición.

No concerto, explica a directora do coro, Ruth González, “faremos un percorrido por todo o repertorio que levamos traballando durante este curso académico e servirá tamén como unha referencia ao homenaxeado nas Letras Galegas de 2023, don Francisco Fernández del Riego”. A iniciativa, detalla, xurdiu grazas á invitación por parte do párroco de Santa Mariña de Augas Santas, Eduardo Fernández, “que este ano celebran o XIX centenario de Santa Mariña cuns actos que inclúen charlas sobre o santuario no Camiño de Santiago e actuacións musicais moi variadas".

O título da actuación fai referencia a varios libros de Francisco Fernández del Riego e nela, comenta a súa responsable, “ofreceremos unha crónica dun tempo, dunha xeración e dunha esperanza, asumindo os anos percorridos a través da música e dos diferentes compositores, un camiño andado cunha visión optimista, vital e rachadora polos ríos do tempo”. O repertorio, detalla Ruth González, está dividido en tres bloques de diferentes características. O primeiro está centrado na música sacra ou espiritual; o segundo, nas viaxes polo mundo, con cancións do continente americano e europeo; e o terceiro está dedicado “á Galicia sentimental e as letras do noso tempo, sinais da nosa propia cultura”. Acompañando ás e aos cantores estarán os músicos Alejandro Fírvida, no piano; Noel de Dios, na percusión; Víctor Guede, na guitarra e Chasua González, na pandeireta. Tamén contarán coa axuda de Víctor Fernández na gravación en vídeo. Desde o coro do campus convidan á comunidade universitaria e ás persoas interesadas a achegarse a este concerto de homenaxe que terá lugar o domingo.