DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado, coro e aula de gaitas ofreceron este xoves un concerto no campus

Música para render homenaxe a Rosalía de Castro

No marco da conmemoración do día dedicado á escritora galega

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 25/02/2022

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense continuou este xoves pola tarde coa programación do Día de Rosalía, conmemoración posta en marcha pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Alumnado do centro e o coro e a aula de gaita do campus uniron voces e músicas para homenaxear á escritora galega.

A programación deu continuidade á celebrada o día 23, día central desta conmemoración, e toda ela estivo organiza por profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social, concretamente por Isabel Mociño, Ana Iglesias, Xosé Constenla, Fernando Dacosta e Mercedes González. Ademais, contou coa colaboraron da Vicerreitoría do Campus de Ourense, da Área de Normalización Lingüística e da Biblioteca Rosalía de Castro do campus, ademais da propia Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. O seu obxectivo foi reivindicar a voz da escritora fundacional da literatura galega contemporánea, nun contexto de perda de falantes entre as novas xeracións, e destacando o papel que poden xogar as futuras mestras e mestres que agora se forman na universidade na transmisión da lingua e a cultura galegas e no seu futuro.

A actividade celebrada este xoves consistiu nun concerto no que participaron o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum, a Aula de Gaita universitaria, co gaiteiro Gonzalo Abelairas á fronte, e o grupo formado pola profesora Lucía Casal e alumnado de segundo curso de Educación Primaria da Facultade de Educación e Traballo Social. A el asistiron Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Cid, decano do centro organizador, e membros da comunidade universitaria.