DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Formas de atrapar unha sombra’ inaugurase esta tarde e pode visitarse ata o 23 de febreiro 

A nova exposición da Sala Manuel Moldes detense na experimentación que leva á creación artística 

Reúne pezas de Nono Bandera, Salvador Cidrás, Emilia Guimeráns e Maite Leyún

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/11/2023

Con independencia das técnicas empregadas e da obra resultante, o proceso creación artística implica unha experimentación, unha exploración dos límites e posibilidades expresivas de diferentes materiais na que pon o foco Formas de atrapar unha sombra, a nova exposición da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes. Co artista e investigador da Facultade de Belas Artes Marcos Covelo como comisario, esta mostra reúne obras de Maite Leyún, Emilia Guimeráns, o profesor deste centro Nono Bandera e o exalumno Salvador Cidrás. Todas elas defínense pola utilización da cerámica como punto de partida dun “uso intuitivo e experimental do proceso artístico, que se manifesta como unha pulsión natural, próxima á necesidade”, como destaca Covelo, que incide en que o propósito desta mostra é afondar nesa “sensación, incluso obsesiva, que experimenta un artista cando busca recursos de calquera tipo para poder construír unha idea”.

A exposición, inaugurada este mércores e que poderá visitarse ata o 23 de febreiro, toma como punto de partida o mito de Kora, narrado polo escritor romano Plinio o vello. Este, como lembra Covelo, atribúe a orixe da pintura ao momento no que Kora “quixo inmortalizar a imaxe do seu amante ao ver proxectada a sombra do seu rostro sobre a parede”, na que trazou o perfil da súa cara, sobre o que logo seu pai, o artesán Butades de Sición, botou arxila, dando relevo ao seu rostro. “Ao igual que a intención de Kora non foi realizar un debuxo, escultura ou pintura, senón rexistrar o recordo dun momento, cada unha das obras que compoñen a mostra designan unha intención máis próxima á experimentación do medio que o propio resultado da obra en si”, destaca Covelo, que esta tarde inaugura a exposición xunto ao coordinador da Sala Manuel Moldes, Ignacio Pérez-Jofre.

Catro formas de atrapar unha sombra

Aínda que todas as obras reunidas nesta exposición teñen en común o uso da cerámica, cada unha permite achegarse a procesos e intereses dispares. No caso das dúas pezas de Nono Bandera, a arxila preséntase como “un soporte máis onde continuar o debuxo”, dando lugar a unhas obras que se aproximan á idea dun “debuxo tridimensional”, como destaca Covelo. Coa idea de achegarse a procesos creativos de artistas formados na facultade, a exposición presenta as creacións dun egresado cun “percorrido artístico moi recoñecido”, como Salvador Cidrás. Resultantes tamén dun proceso de experimentación das posibilidades da cerámica, este artista presenta dúas pezas que dialogan entre si e que, a pesar do seu carácter escultórico, defínense tamén por “unhas reminiscencias pictóricas moi fortes”.

Co propósito de sumar unha mirada sobre como traballan coa cerámica noutros puntos, a mostra presenta unha instalación da artista navarra Maite Leyún, profesora do Máster en Cerámica da Universidade do País Vasco (UPV/EHU). Nela pode lerse a frase Too old to die young (demasiado vello para morrer novo), construída con pezas que semellan “uns globos de festa, pero pintados todos en negro”, xerando unha “serie de tensións de significados e significantes”, como sinala Covelo. A exposición complétase cunha peza á que a ceramista Emilia Guimeráns foi incorporando sucesivas capas de esmaltado, “deixando algunhas pegadas previas e outras borradas expresamente”. Froito dun proceso de experimentación, que se distancia do traballo “ortodoxo” no taller, esta obra pon de relevo “a beleza do inacabado”, como apunta Covelo.