DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abrangue as exposicións feitas desde marzo de 2018 ata xullo de 2021

O novo catálogo da Sala Alterarte recolle as mostras de doce artistas

Con esta publicación péchase tamén o proxecto de curadoría Estado Crítico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 01/06/2022

Estado Crítico 4. 12 Curador*s, 12 Artistas é o título do novo catálogo da Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense. A publicación recolle as exposicións de doce artistas e outros tantos comisarios e comisarias feitas desde marzo de 2018 ata xullo de 2021. Coa súa edición péchase tamén o proxecto Estado Crítico, que desde 2010 guiou a programación deste espazo baixo a dirección de Xosé Manuel Buxán.

A publicación, editada por Difusora das Letras, Artes e Ideas, recolle información e imaxes de cada unha das doce mostras que baixo o paraugas da cuarta edición de Estado Crítico tiveron lugar na Sala Alterarte. Concretamente, trátase das e dos artistas Jesús Otero-Yglesias, Paula Noya, Xosé Vilamoure, Diego Vites, Soledad Penalta, Ánxel Huete, Jacobo Bugarín, Óscar Raña, Mónica Alonso, Iván Prieto, Deebo Barreiro e Adrián Conde Novoa. As e os comisarios foron Monse Cea, Paula Cabaleiro, Ángel Cerviño, Ania González, Xabier Limia de Gardón, Luis Sirvent, María Marco, Alberto González-Alegre, Miguel Anxo Rodríguez, Fátima Otero, Vítor Nieves e Xosé M. Buxán Bran.

Visitar novamente as exposicións

Esther de Blas, vicerreitora en funcións do campus de Ourense, salienta no prólogo do libro como “o esforzo que supón este volume ben paga a pena porque é un xeito de visitar novamente todo canto aconteceu nesa sala ao longo destes tres anos”. O catálogo, indica, é “un compendio moi completo e detallado de canto se viviu na sala grazas á paixón e á enerxía creadora que artistas, comisarios e comisarias verteron nese espazo. O público lector poderá ver a través destas páxinas como a sala se converteu, en cada unha das doce mostras, nun recanto onde todas as posibilidades da arte tiñan acomodo”.

Para o campus, subliña Esther de Blas, “é motivo de orgullo contar cunha sala de exposicións como a Sala Alterante, que pasado o tempo conta cunha altísima estima e valoración no contexto expositivo galego e español”. O volume publicado, comenta, “trata de proxectar alén do noso campus todo o traballo realizado polas persoas artistas e comisarias convidadas, ás que desde aquí damos as grazas polo agasallo da súa arte”. Este agradecemento faino extensible, entre outros, ao director de Alterarte durante o desenvolvemento de Estado Crítico e profesor da UVigo Xosé M. Buxán, polo “bo facer e a ilusión posta no programa expositivo argallado e dirixido por el”, e a Filemón Rivas, “técnico de actividades culturais do campus de Ourense, polo extraordinario traballo de coordinación que desde sempre levou a cabo coa Sala Alterarte”.

Balance dunha "década prodixiosa"

No catálogo, Xosé Manuel subliña como “con este volume que agora presentamos chega ao seu fin o proxecto denominado Estado Crítico e cuxo subtitulo aludía ao número de persoas curadoras e artistas participantes en cada edición”. Estado Crítico, lembra, naceu en novembro de 2010 e chegou ata xullo de 2021. “Unha década e oito meses dun estado crítico que procuraba que acadásemos un estado do espírito co que enfrontarnos dende a arte a canto nos rodea”, afirma. Durante as catro edicións celebradas realizáronse 45 exposicións, sendo convidadas un total de 41 persoas curadoras (persoas da academia, historiadoras, artistas, críticas e comisarias) que escolleron 50 artistas. A eses artistas hai que sumar os catro, un por cada edición, aos que o propio Buxán Bran convidou ao remate de cada unha das catro tempadas. Todo isto deu lugar, subliña o profesor, a catro volumes, o último o agora lanzado, que acadan máis de 800 páxinas que “recollen na súa totalidade e con exhaustividade as obras exhibidas polas e polos artistas e as reflexións dos seus curadores e curadoras”.

“A frialdade das cifras só dá unha idea moi cativa da magnitude da empresa, pero non reflicte nada do inmenso engado e paixón creativa que alumeou a sala durante todo ese tempo ininterrompido”, afirma Xosé Manuel Buxán. Foi, apunta, “unha experiencia marabillosa arredor da arte e a creación plástica que nunca sería posible sen o apoio afervoado das persoas artistas e comisarias, a vicerreitora María Lameiras, o vicerreitor Virxilio Rodríguez e a actual vicerreitora María Esther de Blas e por suposto, sen a paixón e o traballo do coordinador xeral da Sala Alterarte Filemón Rivas”.