DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Publicados polos investigadores do CIM-UVigo Marta Gil e Fran Ramil

Novos achados do grupo de investigación EcoAfrik enriquecen o catálogo de especies e xéneros dos ecosistemas bentónicos da costa africana

Advirten que a sobrepesca amenaza a biodiversidade dun dos principais biomas do planeta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 25/02/2022

Os investigadores do equipo de Bioloxía Ambiental do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Marta Gil e Fran Ramil, integrantes do grupo EcoAfrik , continúan a sacar á luz novas especies e xéneros dos ecosistemas bentónicos africanos, unha zona na que se localizan algunhas das áreas máis produtivas, pero tamén máis ameazadas pola sobrepesca, xa que o esgotamento dos recursos tradicionais da plataforma está impulsando ás flotas pesqueiras a desprazarse cara as augas máis profundas, o que, tal e como denuncia a comunidade científica, ameaza de forma alarmante a integridade dalgún dos ecosistemas máis vulnerables das marxes continentais. 

Dende o grupo de investigación EcoAfrik, integrado por científicas e científicos da Universidade  de Vigo e do Instituto Español de Oceanografía, participan nun proxecto da FAO (Food and Agriculture Organization) que ten como obxectivo o estudo e conservación dos recursos pesqueiros e os ecosistemas mariños vulnerabeis (VMEs, Vulnerable Marine Ecosystems) en augas internacionais, tamén coñecidas como ABNJ polas súas siglas en inglés (Areas Beyond National Jurisdiction). Neste contexto Ramil e Gil, especialistas no estudo da fauna mariña bentónica, en especial da de augas profundas, acharon xa ducias de especies e varios xéneros novos de diferentes grupos taxonómicos, as últimas publicadas no European Journal of Taxonomy e no Marine Biology Research. Trátase dun xénero novo, bautizado como Monostaechoides, e dúas novas especies: Monotheca bergstadi e Aglaophenia willasseni.  

Froitos dunha campaña realizada en 2015 co patrocinio da FAO

Tal e como explican Ramil e Gil, as montañas submarinas representan un dos principais biomas en todos os océanos do planeta e son ambientes únicos para o desenvolvemento das comunidades bentónicas de augas profundas, incrementando a súa biodiversidade e favorecendo tamén a proliferación e asentamento de poboacións de peixes, tanto peláxicos como demersais, así como de mamíferos e aves mariñas. “A pesar de todo, son ambientes pouco estudados polo momento, pero é ben coñecido que moitas das montañas submarinas albergan Ecosistemas Mariños Vulnerabes (VMEs) que son especialmente sensibles aos impactos adversos e que poden verse gravemente afectados polas actividades humanas, e en especial polas pesqueiras de augas profundas”, salienta Ramil. Co obxectivo de estudar a abundancia de peixes bentopeláxicos e a presenza de indicadores de ecosistemas mariños vulnerables nas montañas submarinas do Atlántico surleste, en 2015 realizouse unha campaña en augas da SEAFO (South East Atlantic Fisheries Organisation) baixo o patrocinio da FAO e a bordo do buque de investigación noruegués R/V Dr. Fridtjof Nansen. En total estudáronse cinco montañas submarinas -Schmitt-Ott, Wüst, Vema, Valdivia e Ewing- situadas en augas internacionais fronte ás costas de Sudáfrica e Namibia.  

Marta Gil e Fran Ramil participaron nesta campaña como responsables do estudo dos invertebrados bentónicos,  encargándose tanto da identificación das imaxes obtidas mediante o sistema de  vídeo submarino co que contaba o barco, como da recolección e preservación das mostras que se recolleron durante a campaña. Esta colección foi estudada posteriormente ao longo dun taller de especialistas, organizado por Fran Ramil e a petición da FAO, na Universidade de Cidade do Cabo no ano 2016. 

Un artigo no European Journal of Taxonomy...

Como resultado deste estudo, que despois do taller na Cidade do Cabo continuou no Laboratorio de Zooloxía Mariña da Universidade de Vigo, ambos investigadores veñen de publicar no European Journal of Taxonomy un artigo sobre os hidrozoos bentónicos recollidos durante esa campaña e no que describen un xénero novo e unha especie nova para a ciencia. O xénero novo, para o que propuxeron o nome de Monostaechoides, pertenze á familia Halopterididae, e caracterízase fundamentalmente polo seu particular patrón de desevolvemento que non tiña sido descrito ata o momento nesta familia. “A forma de ramificación das colonias lembra á que presentan as especies do xénero Monostaechas, e de aí o nome elixido, que é a combinación do nome Monostaechas e o sufixo –oides, que deriva do grego ‘ειδης’ (-eidés) e que significa ‘parecido’, ‘semellante’”, explican os investigadores. A nova especie, neste caso da familia Plumulariidae, pertence ao xénero Monotheca, que se caracteriza por presentar un único hidrante –un pólipo encargado da alimentación- en cada unha das ramas que presenta a colonia. Neste caso, a especie foi nomeada Monotheca bergstadi en honra ao doutor Odd Aksel Bergstad, líder da campaña e investigador do Institute of Marine Research (IMR) de Noruega. 

... E outro no Marine Biology Research

De maneira case paralela a esta publicación, ambos investigadores publicaron outro artigo no Marine Biology Research sobre os hidrozoos da superfamilia Plumulariodea no Gran Ecosistema Mariño da Corrente de Guinea (GCLME polas siglas en inglés: Guinea Current Large Marine Ecosystem)  Neste caso, trátase dunha colaboración entre o seu grupo de investigación –Bioloxía Ambiental- e o Museo da Universidade de Bergen, Noruega, no que se atopaban depositadas as mostras, que foron recollidas na costa oeste africana, entre Guinea Bissau e Gabón ao longo de catro campañas oceanográficas realizadas tamén a bordo do R/V Dr. Fridtjof Nansen. Marta Gil e Fran Ramil estudaron este material durante dúas estancias na Universidade de Bergen, e como resultado identificáronse un total de dez especies, das cales unha delas, incluida no xénero Aglaophenia, resultou nova para a ciencia. “Neste caso, a especie foi nomeada Aglaophenia willasseni como recoñecemento ao profesor profesor doutor  Endre Willassen, do Museo da Universidade de Bergen, polo seu compromiso no estudo dos invertebrados mariños do oeste africano, proxecto do que é investigador principal”, apunta Gil.