DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Susceptibles de ser aplicados en alimentación, cosmética ou medio ambiente

Novos avances na consecución de produtos ‘bio’ de alto valor industrial a partir de residuos agrarios

Esta investigación está financiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación con 170.000 euros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 14/06/2021

O grupo de investigación de Enxeñaría Química 10 (EQ 10) da Universidade de Vigo leva anos estudando como converter os residuos agrarios en produtos de alto valor industrial susceptibles de ser aplicados en farmacia, cosmética ou medio ambiente. Froito deste traballo conseguiron xa múltiples avances, sobre todo no campo dos biosurfactantes, moléculas de orixe biolóxico e excelente compatibilidade ambiental con múltiples aplicacións na industria química, alimentaria cosmética e farmacéutica, e agora acaban de pór en marcha un novo proxecto co que pretenden optimizar, mediante procesos máis amigables co medio ambiente e sen xerar ningún tipo de residuo, o proceso habitual de recuperación, separación e purificación destas moléculas.

O novo proxecto está liderado pola doutora Xanel Vecino e titúlase Recuperación de biosurfactantes contenidos en las aguas de lavado de maíz mediante procesos de membranas. Cunha duración de tres anos, conta cunha axuda do Ministerio de Ciencia e Innovación de 170.000 euros, dentro da convocatoria Retos de investigación, modalidade de proxectos tipo JIN liderados por investigadoras novas. “O traballo púxose en marcha hai apenas uns meses e prolongarase ata outubro de 2023”, explica Vecino, ao que engade que, xunto a ela, forman parte da investigación os docentes José Manuel Cruz e Ana Belén Moldes, responsables do grupo EQ 10, e a investigadora predoutoral Andrea Martínez, así como o profesor José Luis Cortina e a doutora Mònica Reig do grupo Resource Recovery and Environmental Management do Departamento de Enxeñaría Química da Universitat Politècnica de Catalunya.

Técnicas innovadoras que evitan o emprego de reactivos químicos

A idea do proxecto xurde da necesidade de recuperar todos eses compostos de alto valor industrial procedentes dos residuos agroindustriais da maneira máis respectuosa posible co medio ambiente. Segundo explica a investigadora, o proceso habitual de recuperación, separación e purificación de biosurfactantes acostuma ser a través de diferentes procesos que, “ás veces non son todo o sostibles que deberían”, por iso decidiron meterse de cheo na busca de novas alternativas de procesos de separación nos que se eviten os reactivos químicos, sobre todo aqueles que non se poden recuperar. A solución pasa, desde o seu punto de vista, polo emprego da tecnoloxía de membranas como proposta innovadora para a recuperación dos compostos de alto valor, unha opción que, ata o de agora, nunca se formulara.

“Os biosurfactantes son deterxentes naturais que se producen de maneira espontánea nos licores de lavado do millo polos microorganismos e a recuperación destes biocompostos acostuma realizarse mediante extracción con disolventes orgánicos”, explica Vecino, ao que engade que a regulación medioambiental quere reducir o uso de disolventes orgánicos, xa que a súa emisión á atmosfera contribúe ao efecto invernadoiro. “O emprego da tecnoloxía de membranas é unha proposta moi innovadora que evita o emprego de calquera tipo de reactivo químico”, salienta a investigadora.

Traballan con augas residuais procedentes da maceración do millo

Traballan con augas residuais procedentes da maceración do millo, un proceso necesario para a separación dos distintos compoñentes do millo (fariña, aceite, proteínas) por vía húmida, e se ben o proxecto está aínda na súa fase inicial, xa puideron caracterizar estes residuos en termos de composición, é dicir, determinar as substancias orgánicas e inorgánicas das que están compostos, o tamaño das moléculas, e cales son os compostos catiónicos e aniónicos, co fin de seleccionar as membranas adecuadas. “Tamén testamos diferentes procesos con membranas para eliminar impurezas dos licores, como pode ser a presenza do ácido láctico e azucres, así como para facilitar a recuperación dos biosurfactantes”, explica a investigadora.

En posteriores fases do proxecto levarase tamén a cabo a avaliación da integración de diferentes procesos de membranas para a recuperación de biosurfactantes e a aplicación deses biosurfactantes recuperados mediante tecnoloxía de membranas en diferentes sectores industriais. Exemplo destas aplicacións poden ser, como sustancias prebióticas en matrices alimentarias; en fórmulas avanzadas no campo da cosmética e hixiene persoal ou como aditivo en formulacións agroquímicas co fin de obter pesticidas máis biodegradables.