Impulsado pola Vicerreitoría e a Concellaría de Promoción Económica, ten lugar en Belas Artes
Un obradoiro afonda nas aplicacións da ilustración en múltiples ámbitos
Impartido polo egresado da facultade Santiago Paredes
“A ilustración como unha ferramenta para vestir e para enriquecer ideas ou negocios é algo cada vez máis presente”, salienta o ilustrador e exalumno de Belas Artes Santiago Paredes, que nestas semanas encárgase de impartir nesta facultade un obradoiro dirixido a afondar nas múltiples posibilidades que ten a aplicación desta disciplina tanto en proxectos persoais, como profesionais ou empresariais. Inserido no programa de obradoiros da Aula Crea, impulsado pola Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidade, o taller Ilustración en acción céntrase en explorar as conexións entre as ideas e a súa representación gráfica, a través do desenvolvemento de exemplos e propostas de exercicios que levan a afondar nas posibilidades do debuxo e a pintura para crear carteis, logotipos ou materiais promocionais.
Inserido no programa de actividades impulsado ao abeiro dun convenio entre a Universidade e o Concello de Pontevedra, trátase dun obradoiro aberto a toda a cidadanía, que reúne como alumnado tanto a estudantes de Belas Artes como a persoas alleas á comunidade universitaria. “A verdade é que a maioría tiñan moita destreza, notábase que levaban anos debuxando”, recoñece Paredes das e os asistentes a un taller que, non obstante, fora deseñado “para todos os niveis”. De feito, a idea central desta actividade era achegar aos e ás asistentes unha serie de “ferramentas” para enfrontar “supostas encargas de ilustración”, salienta, desde con “solucións moi sinxelas” tecnicamente, ata “o grao de dificultade que cada alumno poida asumir”.
Referencias, técnicas e consellos para xerar “solucións” reais
Con ese obxectivo, o inicio deste taller, estruturado en catro sesións, centrouse en achegar aos e ás asistentes “unha serie de referencias, para que poidan ver que fan outros artistas” e que “solucións” desenvolveron a partires dunha determinada idea ou encarga. Do mesmo xeito, Paredes buscou amosar aos e ás asistentes “diferentes tipos de técnicas”, antes de centrar as sesións finais dos taller nunha serie de exercicios prácticos que permitan aos e ás asistentes “sacar conclusións con traballos reais”. O obxectivo, sinala, será “que intenten dar unha solución gráfica a unha encarga, como se fora real, a través da ilustración”, aplicando eses “referentes, pequenos consellos e técnicas” a propostas de exercicios como, por exemplo, deseñar un logotipo ou xerar un motivo que poidese ser empregado como patrón no papel de regalo dun establecemento comercial.
Neste senso, Paredes recoñece o positivo de actividades, como este obradoiro, que poñen o foco nas aplicacións de disciplinas artísticas como a ilustración. “Desde a miña experiencia, cando nos formamos teorizamos moito e ás vece esquecemos un pouco á aplicación real, as saídas no mundo laboral, porque para ilustrar e debuxar hai ter contacto con negocios, con clientes, con axencias...”, sinala. De feito, con independencia “de que as condicións nas que traballan os artistas sexan as xustas, a ilustración é algo que está presente en todos os negocios, ata nos supermercados”, salienta este profesional.