DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dez persoas participaron nesta iniciativa desde o pasado mes de outubro

Un obradoiro afonda no uso educativo da danza e da expresión corporal

Destinado a enriquecer a formación das e dos futuros docentes que estudan no campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 19/12/2022

Entre oferta de obradoiros de extensión universitaria organizados este cuadrimestre pola Vicerreitoría do Campus co apoio da Deputación de Ourense estivo un titulado Educación a través da Danza e a Expresión Corporal. O taller, que vén de pechar a súa actividade facendo un balance moi positivo do seu desenvolvemento, permitiu ao alumnado inscrito afondar dun xeito práctico no uso destas ferramentas na aula.

Dirixida pola profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus Pino Díaz, a actividade contou tamén coa docencia de Daniel Álvarez e principalmente de Ainhoa Linaza, bailarina e pedagoga cunha dilatada formación neste eido e unha traxectoria de máis de 12 anos de docencia nel. Aínda que de especial interese para as e os futuros profesionais do maxisterio que se forman na facultade ourensá, o obradoiro tamén estivo aberto ao público xeral, cubríndose finalmente as dez prazas dispoñibles principalmente por mulleres do eido da educación e a educación social.

A iniciativa, comenta Pino Díaz, “pretendeu enriquecer a formación das e dos futuros educadores, principalmente de Primaria, no uso de ferramentas didácticas como a danza, a música e o movemento na aula” e xurdiu tendo en conta as actuais carencias formativas existentes neste eido e ante o feito de que os novos curriculums poñen sobre a mesa a importancia destas capacidades artísticas e expresivas. Neste contexto, detalla Ainhoa Linaza, o obxectivo principal do obradoiro, que contou con 30 horas de formación, foi “dar a coñecer as características e potencialidades específicas do uso do movemento, a danza, a música a expresión corporal, e o contacto físico, como eixos metodolóxicos na educación, para desenvolver unha proposta didáctica de intervención a través da danza e aplicar de forma práctica as metodoloxías aprendidas”. Estes retos, sinala, entroncan directamente con Obxectivos de Desenvolvemento Sostible propostos polas Nacións Unidas para 2030 (como saúde e benestar e educación de calidade) e traballan tamén de forma implícita aspectos como a igualdade de xénero e a produción e consumo responsables.

Nove sesións prácticas

O obradoiro contou con nove sesións que se desenvolveron desde o pasado mes de outubro e que tiveron un carácter fundamentalmente aplicado e práctico. Así, ao longo da súa realización abordáronse temas como o corpo e a expresión corporal como elemento transversal no currículo de Primaria; a hixiene postural, aliñación corporal, mobilidade articular e sistema músculo-esquelético; a relaxación e coidados; e a comunicación non violenta e prevención de violencia escolar. Tamén se traballou coa creatividade, o xogo, a cooperación, a música, o movemento e a danza-xogo; coa sensibilización e conciencia corporal; coas cualidades do movemento e a conciencia espacial e co contacto físico e o desenvolvemento psicoafectivo. As danzas corais e socioafectividade, a integración da diversidade e a cohesión grupal e a aplicación metodolóxica para a creación colectiva dunha guía didáctica pecharon esta programación.

Con esta abordaxe, desde a organización da actividade destacan que se perseguiu conseguir entre as e os participantes promover o benestar; potenciar a conciencia corporal, espacial, psicomotricidade e coordinación; explorar e afondar na relación cun mesmo cos demais a través do corpo e establecer formas de comunicación máis eficaces, a través da comunicación non verbal. Igualmente, engaden, as sesións permitiron ao alumnado asistente practicar a toma de decisións e a asertividade a través do contacto; cooperar e negociar para dar solucións creativas a partir do material explorado; promover a conexión interpersoal a través da danza e socializar, xuntarse e gozar bailando en comunidade a través da danza. O obradoiro vén de pechar a súa programación coa idea de celebrar unha nova edición no segundo cuadrimestre deste curso académico pero especialmente pensada para as e os futuros docentes de Educación Infantil.