DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nove persoas fórmanse semanalmente no eido da música tradicional

O obradoiro de gaita consolida a súa actividade neste segundo cuadrimestre

A docencia corre a cargo de Gonzalo Abelairas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 24/05/2021

Entre a programación de extensión universitaria que organiza este cuadrimestre a Vicerreitoría do Campus de Ourense, con financiamento da Deputación de Ourense, está un obradoiro de gaita galega. A pesar das limitacións provocadas pola pandemia da covid-19, a iniciativa mantén a súa actividade cun grupo consolidado de nove persoas que semanalmente se forma nas instalacións universitarias no eido da música tradicional.  

Este obradoiro, dirixido polo músico Gonzalo Abelairas, é xunto ás aulas de teatro e danza unha das propostas que conta nesta programación de extensión universitaria cunha traxectoria máis duradeira e cun público máis fidelizado, celebrando xa a súa oitava edición consecutiva. Cuadrimestre a cuadrimestre, tense convertido nun punto de encontro no que persoas amantes da música tradicional galega aprenden a tocar mellor a gaita e melloran os seus coñecementos arredor desta música. 

A actividade conta con 30 horas de formación e como lugar de celebración o pavillón de estudantes do campus. Neste segundo cuadrimestre, explica o seu responsable, o alumnado inscrito é o mesmo que o fixo no primeiro cuadrimestre, pois os nove participantes na edición anterior decidiron renovar a súa matrícula. Algúns destes alumnos e alumnas, sinala Gonzalo Abelairas, xa levan varios anos participando nesta iniciativa. A matrícula do obradoiro estivo este curso académico restrinxida a nove prazas debido ás limitacións de aforo previstas polas medidas de prevención da covid-19. 

Desenvolvemento das sesións

No primeiro cuadrimestre, no obradoiro afondouse no coñecemento da gaita galega, abordando aspectos como as técnicas de gaita, os tipos de dixitación, o repertorio, a afinación ou a ornamentación, ademais de achegarse a diversos aspectos da música tradicional e dun xeito específico á percusión tradicional. “Neste cuadrimestre, ao manterse a xente, fixemos unha continuación do traballo feito no anterior cuadrimestre, traballando pezas dos cancioneiros tradicionais e repertorio de autor, a maiores de exercicios de técnica, ornamentación e afinación”, comenta Gonzalo Abelairas.

As restricións e medidas derivadas da loita contra a covid-19 condicionan, ao igual que acontece coas demais actividades formativas, a celebración deste obradoiro. Así, entre outras medidas, a máscara é obrigatoria para as e os presentes na sesión excepto no momento específico de tocar a gaita. Ademais, as aulas onde se desenvolven as clases mantéñense ventiladas, con ventás e portas abertas, ademais de respectar o uso de xeles hidroalcólicos, as distancias de seguridade e demais medidas preventivas xerais. Segundo explica Gonzalo Abelairas, durante as sesións o alumnado repártese en pequenos grupos de tres ou catro persoas, para que teñan o máximo espazo posible entre elas e a formación divídese en varias aulas, unha grande onde se dan as clases cos grupos e unha máis pequena onde as e os  inscritos poden practicar de forma individual mentres continúan as clases. A pesar destas limitacións provocadas pola situación sanitaria, o director do obradoiro recalca como “estou moi contento co grupo de alumnos e alumnas do campus de Ourense, pasámolo moi ben nas clases e traballan moitísimo”.