DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O taller Comunica a túa ciencia impartirase os días 27 e 28 de novembro no edificio Redeiras

Un obradoiro permitirá ao persoal investigador mellorar as súas competencias en divulgación científica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cursos
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 08/11/2023

Un dos obxectivos do plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta elaborado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo e con financiamento da FECYT, é potenciar as capacidades do persoal investigador para comunicar o seu traballo e trasladar á sociedade os avances científicos. Para avanzar neste camiño, a finais deste mes de novembro impartirase o obradoiro Comunica a túa ciencia, un taller de dúas sesións destinado a investigadores e investigadoras da UVigo no que coñecerán a importancia da divulgación e as principais ferramentas para comunicar ciencia.

O obradoiro impartirase no edificio Redeiras os días 27 e 28 de novembro de 09.00 h a 14.00 horas e permitirá identificar os diferentes escenarios nos que se pode desenvolver a divulgación, as áreas temáticas que abarca, os actores que participan e as ferramentas indispensables para levala a cabo. Trátase, como explican dende a UCC+i, dunha actividade eminentemente práctica e dinámica na que, ademais de expertos na materia, tamén achegarán os seus coñecementos investigadoras e investigadores da UVigo con ampla experiencia en divulgación científica e proxectos recoñecidos neste ámbito.

A participación é aberta e gratuíta para todo o PDI da UVigo ata completar as 40 prazas dispoñibles, e será necesario inscribirse a través desta ligazón antes do xoves 23 de novembro.

Recursos e estratexias para comunicar ciencia de maneira efectiva

A primeira xornada comezará cun obradoiro de Manuel Vicente, divulgador científico e presentador do programa Efervesciencia na Radio Galega, que explicará ao persoal investigador a importancia de compartir o seu traballo coa cidadanía e presentará algunhas ferramentas para empregar nas accións nos medios de comunicación.

Nesta primeira sesión participarán tamén varios investigadores da propia Universidade, como José Benito Vázquez Dorrío, catedrático da UVigo e docente da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, que acaba de ser recoñecido co Premio Ensinanza e Divulgación da Física da Real Sociedad Española de Física e a Fundación BBVA polas súas excelentes contribucións á ensinanza e divulgación da física e, en particular, da óptica aplicada. Outro dos convidados, que falará de boas prácticas dentro da Universidade, será Daniel Rey, director do CIM e do Campus do Mar que, xunto con Marta Crespo, responsable de comunicación do CIM, relatarán a súa experiencia no proxecto Desafíos del Océano: Científicas al Mando. 

A segunda xornada centrarase na divulgación en redes sociais, incidindo nas claves para adaptar a mensaxe e os códigos comunicativos para chegar a un público non especializado. Para isto, o obradoiro contará con Óscar Menéndez, comunicador científico e consultor de redes sociais e fundador de Ciencia en Redes e de Género y Comunicación de la Ciencia; e con Laura Veiga, xornalista e divulgadora en diferentes medios dixitais e impulsora de pingando.gal, un proxecto divulgación en redes sociais sobre o ciclo menstrual e a sexualidade.