DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Maricastaña trouxo ao Teatro Vidal Bolaño ‘As cidades agochadas’

Onte Miteu e hoxe Festival Sonora’2.3

Os concertos de Ortiga e Dani arrancarán ás 17.30 horas con entrada libre

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 13/04/2023

Tras o parón pola Semana Santa a programación cultural volveu esta semana con forza  á Universidade de Vigo. Se onte mércores regresaron ao campus as representacións da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, da man do grupo Maricastaña, da Aula de Teatro Universitario de Ourense, esta tarde celebrarase o Festival Sonora’2.3 que este ano aposta por dous intérpretes galegos, Ortiga e Dani. Será a partir das 17.30 horas con entrada libre no Teatro Vidal Bolaño.

Moito teatro...

O grupo Maricastaña puxo sobre o escenario As cidades agochadas, obra inspirada en ‘As Cidades Invisibles’ de Italo Calvino. Baixo a dirección do dramaturgo Fernando Dacosta e cun elenco composto por máis dunha ducia de actores, o público puido achegarse a unha historia que parte da curiosidade dun emperador sobre as cidades do seu imperio e tamén dunha viaxeira, que é a encargada de irlle contando.

Deste conto xorden cidades da memoria, do desexo, da morte, do poder ou das ocultas. Todos eles que se entrelazan co ritmo, a poesía, a miseria, o desexo, as invisibilidades, os intercambios, o humor... A cidade é o espazo onde se atopa a sociedade, o espazo que millóns e millóns de persoas en todo o mundo deciden compartir. Hai tranquilidade ou ansiedade, seguridade ou medos. A cidade é, tamén foi, pero podería deixar de ser... ou non. O emperador domina pero non o sabe. A viaxeira sabe pero non quere dominar.

Tras esta actuación, as representacións retomaranse o vindeiro mércores coa Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela que, neste caso, porá en escena Observacións sobre a felicidade, unha obra colectiva  dirixida por Roberto Salgueiro na que se fala sobre a felicidade, tratando de definila e intentando desentrañar os seus mecanismos.

... e música alternativa

No Festival Sonora’2.3, a primeira en subir ao escenario do Vidal Bolaño será Dani, a partir das 17.30 horas, mentres que Ortiga comezará a súa actuación unha hora máis tarde.
Dani presentará o seu novo traballo Posdata, que serve de continuación ao de debut Veinte, que publicou en 2022, cando tiña 19 anos. Tras ela, Ortiga será o encargado de encher a partir das 18.30 horas o Vidal Bolaño coa súa particular visión musical, na que conviven o espírito das verbenas cos ritmos latinos.