DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A socióloga Sara Olvera ofrecerá unha conferencia sobre este tema o 26 de outubro

Unha oportunidade para coñecer a “revolución silenciosa” das mulleres xitanas

Será a través do Campus Remoto da UVigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 22/10/2020

Baixo o título A revolución silenciosa das mulleres xitanas, o Campus Remoto da Universidade de Vigo acollerá o luns 26 de outubro unha conferencia de Sara Olvera, socióloga e sexóloga experta en xénero e igualdade e activista xitana. Nela afondará para o alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus e para as persoas interesadas nos conceptos, evolución e figuras do feminismo xitano.   

A actividade, que conta con financiamento da Área de Igualdade de Universidade de Vigo, está coordinada polo profesor de Ética Profesional da Facultade de Educación e Traballo Social David Álvarez. Segundo explican desde a organización da cita, os obxectivos desta actividade son informar ao público universitario e xeral sobre a problemática específica do feminismo xitano; concienciar a activistas e movementos feministas sobre as exclusión nas políticas de coalición e concienciar a futuros profesionais da intervención, mediación e educación da pervivencia de prácticas paternalistas e patriarcais con respecto ás mulleres xitanas. Ademais, o obradoiro quere explicar o concepto de feminismo “decolonial” aplicado á realidade das xitanas en España; contextualizar o caso español no contexto do movemento feminista xitano en Europa e presentar a investigación sobre a historia recente dos movementos de mulleres e feministas xitanas desde a transición e sobre as diferencias en reclamacións, alianzas, participación e liderado.

Superar estereotipos

Na conferencia, que terá lugar ás 18.00 h, Sara Olvera exporá a investigación realizada sobre o discurso e evolución sociopolítica de varias líderes xitanas nas etapas claves do movemento feminista xitano, referentes, demandas... co obxectivo de afondar en como se fixo a transición do “movemento silencioso das mulleres xitanas ao feminismo xitano". Para poder abordar estas cuestións, a socióloga falará ás e aos asistentes sobre a historia do pobo xitano con perspectiva de xénero, as categorías de sexo, xénero e raza e a interseccionalidade e en “como isto se traduce en antixitanismo”. Na súa intervención tamén abordará a situación actual e a articulación europea de redes feministas xitanas.

A información e formación do alumnado do eido da educación e do traballo social e disciplinas afíns ao que se dirixe de xeito especial esta actividade, é, apunta a activista xitana, “relevante debido á súa proximidade e futura intervención con poboación xitana”. Así, Sara Olvera subliña a importancia de que estes profesionais “coñezan a situación e superen prexuízos e estereotipos” no que se refire ás mulleres xitantas. Tamén, engade a socióloga, é necesaria a concienciación deste alumnado sobre “a pervivencia de prácticas patriarcais, paternalistas, con respecto ás mulleres xitanas”. Por este motivo, salienta a importancia de levar a cabo iniciativas como a que se desenvolverá o luns 26 de outubro na Facultade de Educación e Traballo Social, a través do Campus Remoto da UVigo.