DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Emitirase semanalmente a partir do 4 de novembro dentro do programa 'La Aventura del Saber'

Os catedráticos Xavier Labandeira e Coral del Río participan na terceira temporada do espazo de TVE2 'Universo Sostible'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 22/10/2020

Como sucedeu nas anteriores edicións, a nova temporada de microespazos de divulgación científica Universo Sostenible, que se emite semanalmente en TVE2, dentro do programa La aventura del saber, volverá contar coa participación da Universidade de Vigo.

Este proxecto, producido por CRUE Universidades Españolas, ten como obxectivo que a comunidade científica universitaria responda á sociedade sobre algunhas das cuestións e temas de grande interese social. Por parte da UVigo, nesta terceira temporada participarán os catedráticos Xavier Labandeira e Coral del Río nos programas 3 e 5 respectivamente. A nova edición comezará o vindeiro mércores 4 de novembro, ás 10.50 horas, dentro dos espazos de La Aventura del Saber. O Taller de Audiovisuais da Universitat de València-UV e a Unidad de Cultura Científica e Innovación da UV foron os responsables da produción executiva, a coordinación, guión, realización e montaxe das pezas, nas que participaron e traballaron un total de 29 universidades pertencentes á CRUE.

Economía sostible e feminismo

O catedrático de Economía Aplicada, investigador do grupo de investigación Rede e da agrupación galega Ecobas e director de Economics for Energy, Xavier Labandeira, intervirá no capítulo 3 da temporada, nun programa centrado nos retos que o planeta ten por diante para acadar un desenvolvemento sostible.

Pola súa banda, a catedrática do Departamento de Economía Aplicada e investigadora do grupo Economía, Sociedade e Territorio (ECOSOT), Coral del Río, será unha das convidadas do capítulo 5, no que se abordarán os retos, obxectivos e debates do movemento feminista. 

Cada espazo ten unha duración de 10 minutos e responde, de maneira breve e sinxela por parte de seis investigadores e expertos da comunidade universitaria a cuestións relacionadas coa historia, a evolución, as investigacións relacionadas e as solucións de futuro. Cada programa terá tamén o seu propio podcast e un botón vermello de dous minutos centrado nun dos expertos.

A primeira cita será o día 4 de novembro, cun programa centrado na covid-19 e nos outros coronavirus xa coñecidos, unha familia de virus moi antiga e extensa que adoita habitar en morcegos e certos tipos de aves e que en moi poucos casos afecta a humanos. Ao longo da temporada abordaranse temas como a intelixencia artificial, a enxeñaría biomédica, a reciclaxe, a nutrición, os microplásticos, as redes sociais, a fauna e a música.