Este xoves presentáronse na Asociación de Empresarios de San Cibrao
Os novos institutos de Física e Ciencias Aeroespaciais e de Agroecoloxía e Alimentación amosan o seu potencial ao empresariado ourensán
Trátase dos dous primeiros centros deste tipo que se crean na UVigo
Este xoves presentáronse na sede da Asociación de Empresarios de San Cibrao os novos institutos de Física e Ciencias Aeroespaciais e de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo, ambos con sede no campus de Ourense. Na sesión, explicáronse as características e potencialidades destas novas estruturas que agrupan instalacións, equipamentos e “moito talento” nas súas respectivas áreas co obxectivo de potencialas.
O acto contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; José Antonio Rodríguez, presidente da Asociación de Empresarios de San Cibrao; David Fernández, director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, e Ángel Paredes, director do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais. Por parte da comunidade universitaria, tamén estiveron entre outros, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, e os responsables dos centros implicados nos novos institutos, como son a Facultade de Ciencias e as escolas de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Igualmente estiveron membros da asociación e de empresas como Audasa e Coren e responsables do Inorde (Deputación de Ourense), do Parque Tecnolóxico Galicia e da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), entre outros.
Durante a súa intervención, Manuel Reigosa amosou a súa convicción de que o futuro do campus de Ourense pasa por “facer unha transferencia de calidade”, por mobilizar os grupos de investigación operativos e por fomentar a participación en proxectos. Os dous institutos creados, explicou, son os primeiros da UVigo e agromaron porque “hai moito talento e moito traballo feito” nas súas áreas de actuación. Así, lembrou que a institución académica está en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos entre as 75 mellores universidades do mundo e “en moitos temas de enxeñaría” entre as 300 ou 400 mellores. “Hai algúns eidos nos que xa temos moitísimo talento e había que organizar ese talento. Pensamos que o instituto, que é unha figura recoñecida internacionalmente, era unha boa figura para facelo”, comentou. A posta en marcha dos dous institutos, indicou o reitor, supón “unha oportunidade fantástica” para potenciar a transferencia e para a posta en marcha de todo tipo de iniciativas, desde colaboracións puntuais ata proxectos europeos, con empresas da contorna. Neste senso, agradeceu a implicación na xunta directiva dos institutos presentados da Asociación de Empresarios de San Cibrao, do Inorde e da CEO.
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios de San Cibrao explicou que esta xornada xorde “porque cremos firmemente que a captación de talento é clave para avanzar nun mercado competitivo”. Os institutos, dixo, son “dúas iniciativas que reforzarán o capital humano non só na cidade de Ourense senón en toda a provincia” en dous ámbitos nos que, indicou, “este polígono empresarial está especializado coa presencia de compañías referentes no sector”. José Antonio Rodríguez lembrou a “estreita colaboración” existente entre a súa asociación e a UVigo. “Unha das claves do éxito das nosas empresas é buscar a excelencia e apostar polo talento e para elo debemos seguir colaborando coa universidade e crear sinerxías que permitan promover estratexias efectivas nunha contorna laboral cada vez máis esixente”.
O Instituto de Agroecoloxía e Alimentación
O Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, explicou David Fernández, nace coa vocación de converterse nun centro de referencia na promoción a través da I+D+i da transición cara sistemas agrolimentarios máis resilientes, sostibles, seguros e circulares. A súa misión é promover unha contorna de investigación interdisciplinar e de excelencia con capacidade para ofrecer novo coñecemento e solucións que contribúan a este proceso de transición nun contexto marcado polos grandes cambios globais, incluído o cambio climático, preservando a biodiversidade e contribuíndo aos obxectivos de desenvolvemento sostible.
Este centro ten cinco obxectivos estratéxicos, como son acadar maiores cotas de excelencia científica a través do desenvolvemento dunha axenda científica aliñada coas políticas e prioridades de I+D+i europeas, estatais e rexionais; desenvolver, fixar e atraer talento; acadar maior impacto da investigación realizada no marco galego; converterse nun centro de referencia no seu eido e participar na creación do Iberian Food Laboratory co Instituto Politécnico de Bragança. As súas catro prioridades de investigación son a saúde e calidade do solo; a xestión e manexo de cultivos, a calidade e seguridade dos alimentos e a xestión e valorización de subpodutos.
O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais
Pola súa banda e tal e como explicou Ángel Paredes, o Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais nace co obxectivo de ser impulsor do ecosistema galego aeronáutico e aeroespacial así como das súas sinerxías coa investigación emerxente baseada na física. A súa misión é converterse e posicionarse como un centro de investigación e transferencia de I+D de referencia para o sector nos campos da física, sistemas aeroespaciais e outras disciplinas relacionadas, conectado ás redes nacionais e internacionais máis relevantes. A súa visión é contribuír á innovación en física aplicada e en diferentes aspectos do sector aeroespacial, promovendo sinerxías entre ambos campos mediante unha investigación excelente e unha transferencia eficiente dos resultados da investigación “de forma responsable, recoñecida, multidisciplinar, competitiva e comprometida coa promoción do desenvolvemento territorial da contorna social e empresarial”.
O centro márcase como eixos prioritarios fomentar unha investigación excelente e recoñecida no seu ámbito; facer unha transferencia de coñecemento á sociedade e ao sector produtivo relevante; captar talento reforzado e divulgar e comunicar. A súa axenda científica estrutúrase arredor de cinco grandes áreas de investigación interrelacionadas entre si, como son a fluidodinámica e termodinámica; os sistemas ópticos; as aeronaves non tripuladas; as ciencias do espazo e a modelización, simulación e software.
En ambas exposicións, os responsables dos institutos puxeron en valor a masa crítica de investigadoras e investigadores que agrupa cada un e a súa destacada produción científica e volume de captación de fondos a través de colaboracións e proxectos estatais e europeos, amosando o seu desexo de incrementar a colaboración co sector empresarial ourensá.