DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra pode visitarse no pavillón Concepción Pérez Amat ata o 1 de marzo

Os ‘Tótems’ de Nova Escultura Galega expóñense na Sala Alterarte

O colectivo está formado por Misha Bies Golas, Alejandra Pombo Su, Jorge Varela e Diego Vites

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 18/01/2024

Desde este xoves e ata 1 de marzo pode visitarse na Sala Alterarte, situada no pavillón Concepción Pérez Amat do campus de Ourense, a exposición Tótems, con obra do colectivo Nova Escultura Galega e comisariada polo seu membro Jorge Varela. Con ela, a sala abre a súa programación de 2024 e dá continuidade ao seu proxecto expositivo Recipricidade, posto en marcha baixo a coordinación do profesor Javier Blanco.

Nova Escultura Galega é un colectivo afincado en Galicia e formado polos artistas Misha Bies Golas (Lalín, 1977), Alejandra Pombo Su (Santiago de Compostela, 1979), Jorge Varela (Allariz, 1971) e Diego Vites (O Grove, 1986), fundado en 2018 e que ten exposto en diversas institucións de España e Portugal, como CIAJG, Museo do Pobo Galego, Fundación Laxeiro, Galería Municipal do Porto, Casa de Iberoamérica ou Sala Normal. A iniciativa “xurdiu do intercambio de materiais, documentación e imaxes entre os seus membros, que posteriormente se concretou en procesos creativos colaborativos ao redor da creación dun arquivo común. NEG é un acrónimo que fai referencia a un imaxinario revolucionario de utopías estéticas e políticas que pretende construír un coñecemento contraenciclopédico, cuxo foco sexa unha visión indisciplinada da Historia”, explica Jorge Varela.

Instalacións e arquivo de imaxes

A acción deste colectivo desprégase segundo explican os seus membros en diferentes exercicios de 'assemblage' e instalacións “que establecen relacións 'rizomáticas' entre os obxectos e as imaxes recollidas polo arquivo do grupo. Reunidas e reelaboradas, desafían as narrativas hexemónicas, dando espazo a novas lecturas máis abertas, menos xerarquizadas e que se desbordan máis aló de si mesmas, imprimindo elementos de delirio e ficción á experiencia artística desde a Historia”. Concretamente, na exposición Tótems, o colectivo reordena toda unha serie de elementos que gardan aínda “unha relación de identidade con aquilo do que proveñen”, como “residuos do traballo de taller, fragmentos de obras inacabadas ou obxectos que estaban á espera de atopar un lugar que non chega”. Estes, agrupados, detalla o comisario da exposición, “conforman unha serie de tótems, se entendemos estes metaforicamente como unha agregación ou desenvolvemento vertical de obxectos, seres ou formas”, dando unha nova vida a estes restos.

Do mesmo xeito, Javier Varela sinala que o colectivo está a construír “esa sorte de arquivo caótico e indisciplinado que deron en chamar Os papeis da NEG, no que parten dun procedemento de intercambio dixital de imaxes entre os seus membros que posteriormente procesan para crear un obxecto, é dicir unha serie de imaxes impresas que ordenadas e voltas a reordenar terminan configurando un discurso que permite revisar a historia e narrala como anécdota ou ficción”. Este arquivo, indican desde Nova Escultura Galega, foi medrando co tempo ata alcanzar a día de hoxe miles de imaxes e varias seccións, e “está presenta nesta exposición construíndo unha nova definición do concepto tótem”.