DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi proxectada este venres no edificio Politécnico

A película ‘12 no Camiño’ fai parada no campus

Está dirixida e protagonizada por alumnado do Programa Universitario de Maiores de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 15/12/2023

O edificio Politécnico campus acolleu este venres a proxección da película 12 no Camiño, realizada e protagonizada por alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM) da UVigo en Ourense. Co este proxecto audiovisual, explica Ramón Fernández, o seu director e produtor, “queremos transmitir as vivencias no Camiño de Santiago de doce alumnos deste programa” ao mesmo tempo que se ofrece información “para que sexa moi fácil comprender este fenómeno histórico e tan actual en todo o mundo”.

A película, que contou, entre outros, con apoio da Vicerreitoría deste campus e do Concello e a Deputación de Ourense, recolle “os avatares humanos” dun grupo de doce estudantes do PUM, desde que se propoñen facer o Camiño Sanabrés e ao longo das súas etapas, que comezan en Ourense e rematan, como non podía ser doutro xeito, en Santiago de Compostela. A produción, comenta o seu responsable, dura algo máis de 80 minutos e conta “cunha sinxela posta en escena para testemuñar o imaxinario colectivo duns estudantes sénior que queren amosar os valores do Camiño de Santiago”. Ningún dos protagonistas principais tiña experiencia cinematrográfica previa. Porén, engade Ramón Fernández, as e os estudantes do PUM “representan os valores dun colectivo emprendedor e con gañas sempre de superación, educado en respectar os seus costumes e pór en valor os fitos da súa cultura”.

O director da película destaca como “custounos moito, pero con loita e tesón conseguiuse realizar este humilde traballo do que nos sentimos moi orgullosos. É un soño realizado”. Da obra resultante subliña que “pon de relevo o legado histórico do Camiño de Santiago e a busca de introspección e aventura que relatan os peregrinos durante a longametraxe, enviando sempre mensaxes tanto culturais como de superación”. 12 no Camiño, engade, “reflicte con sinxeleza e autenticidade os escenarios” e recolle anécdotas reais que permiten “transmitir a singularidade do Camiño e as súas xentes, sexan peregrinos ou xente que se atopa polos pequenos pobos polos que discorre”.

Ilusión e gañas

A proxección realizada este venres contou coa asistencia de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Alma Gómez, coordinadora do PUM en Ourense; Rosendo Fernández, presidente do Inorde (Deputación de Ourense); Tamara Silva, concelleira de Educación e Mocidade; Ramón Fernández, director e produtor da película; protagonista da produción, ademais de membros do PUM e da comunidade universitaria. Nos seus discursos, as autoridades destacaron “a ilusión e as gañas postas” polo alumnado sénior neste proxecto e subliñaron como son un exemplo a seguir. Pola súa banda, o director da peza expresou a súa satisfacción por amosar 12 no Camiño no campus de Ourense, onde naceu o proxecto, e pola boa acollida que está tendo nos lugares onde se proxecta. Foi, sinalou, un arduo traballo de varios anos que, ao igual que o Camiño a Santiago, tivo diferentes etapas que culminan agora coa difusión da película. Nesta difusión, os responsables da proxecto subliñan a boa acollida que está tendo nos centros galegos no exterior, proxectándose en 50 deles.