DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Medio cento de persoas anotáronse nun Team Building sen coñecer de antemán as características

O persoal do CINBIO participa nunha competición “sorpresa” de robots

O obxectivo era fortalecer as relacións entre participantes e potenciar a creatividade

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 06/10/2023

Cando se inscribiron non sabían moi ben a que se ían enfrontar, só que se trataba dunha xornada para mellorar o traballo en equipo e para estreitar lazos. A única indicación que recibiron o medio cento de persoas que se apuntaron ao Team Building organizado polo CINBIO para o seu persoal era que tiñan que levar material de refugallo. A sorpresa para todas e todos eles foi que o obxectivo era empregar eses restos para construír robots e facelos competir entre si. Con este obxectivo e divididos en grupos diversos de tres ou catro persoas nos que se mesturaba persoal de diferentes grupos de investigación do CINBIO e persoal de xestión do centro, tiveron que tirar de improvisación, innovación e creatividade para deseñar e construír os seus robots. 

A actividade, que se celebrou hoxe venres no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria, como explican dende o CINBIO xurdiu coa intención de fomentar a interacción entre o persoal dos diferentes grupos de investigación do centro, favorecendo deste modo a creación de sinerxías e o xurdimento de proxectos multidisciplinares. “A través desta actividade pretendemos reforzar o sentimento de pertenza a un centro de investigación como o CINBIO, especializado en nanomateriais e biomedicina”, explican. 

Unha competición en forma de hebocon

A actividade desenvolveuse como unha hebocon, unha competición de robots “absurdos” que normalmente se constrúen con material de refugallo. Os equipos deberon idear e construír os seus autómatas e trasladarlles características propias “despois de entrevistarse entre eles e detectar o que os define”. Unha vez construídos, o robots tiveron que competir entre eles en diferentes eliminatorias, nas que gañaba o equipo capaz de sacar o contrincante dos límites do tapiz. Os equipos que ían quedando eliminados tiñan a opción de prestar axuda aos equipos que os venceron, tanto con coñecemento como con materiais do seu robot. A finalidade é que, ademais de divertirse, esta actividade lles serva para fortalecer as relacións entre participantes e lles axude a potenciar a creatividade e a implementar a metodoloxía do Design Thinking.