DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Crue lanza a 3ª edición do concurso #HiloTesis, que estrea premios con dotación económica

Poderías explicar a túa tese de doutoramento en 20 chíos?

Ata o 7 de maio poderán publicarse e rexistrarse os fíos de Twitter

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 02/05/2023

Por terceiro ano, Crue Universidades Española, en colaboración coa Red de Divulgación e Cultura Científica (RedDivulga) da sectorial Crue I+D+i, lanza unha nova edición do concurso Tu tesis doctoral en un hilo de Twitter: HiloTesis, co obxectivo de promover o desenvolvemento de habilidades de comunicación e divulgación científica entre o estudantado de doutoramento e recentes doutores e doutoras das universidades que forman parte da Crue. As e os participantes deberán explicar a súa tese de doutoramento nun fío de 20 chíos como máximo, empregando unha linguaxe sinxela, accesible e atractiva. 

Por vez primeira, os tres premios contarán cunha dotación económica de 1000 euros, cada un, financiados pola Fundación Larramendi. Na presentación do concurso o presidente da Crue, Julián Garde sinalou esta iniciativa “como unha oportunidade para que os doutores e doutoras novas dean a coñecer as súas investigacións á sociedade a través desta rede social”. Pola súa banda, a vicepresidenta da Fundación Larramendi, Carmen Hernando de Larramendi, destacou que esta “é unha oportunidade de colaboración moi grata, xa que se aliña cun dos obxectivos da Fundación definidos polo seu fundador en 1986”.

Na pasada edición do concurso participaron máis de 300 persoas, procedentes de 47 universidades, xerándose máis de 500 millóns de impresións en Twitter, grazas á publicación de máis de 700 fíos.

Como participar

Ata o 7 de maio poderán publicarse o rexistrarse os fíos de Twitter e o persoal investigador en formación participante, deberá, unha vez publicado o fío, inscribirse e facilitar o enlace ao seu fío a través dun formulario. O primeiro tuit do fío deberá citar ou etiquetar nunha imaxe a @RedDivulga,@filrramendi e á conta de Twitter da universidade participante ou, no seu caso, a súa UCC+i, e rematar con <<Abro #HiloTesis,>>. 

Unha vez recibidos os fíos das e dos participantes a través do formulario, a organización do concurso remitiraos á persoa de contacto de cada universidade, que elixirá, nun prazo de dez días naturais tras a finalización do concurso, un fío finalista que será enviado á organización para a súa avaliación polo xurado proposto por RedDivulga. O xurado estará integrado por, cando menos cinco membros, un deles experto en comunicación, e un representante da Fundación Ignacio Larramendi. O fallo terá lugar entre o 1 e o 7 de xuño e os gañadores ou gañadoras serán de tres universidades distintas.