DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 23 e 24 de febreiro o campus unirase á celebración desta efeméride

Poemas, pensamentos e música para conmemorar o Día de Rosalía

Coa participación de profesorado e alumnado de Educación e Traballo Social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 15/02/2022

Tras o Día das Letras Galegas, o Día de Rosalía tense convertido no campus de Ourense na cita máis importante para reivindicar a lingua e a cultura galegas. Este ano, un febreiro máis, a comunidade universitaria unirase a esta conmemoración, posta en marcha pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, cun amplo programa de actividades que se desenvolverán os días 23 e 24.

A programación está organizada por profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social, concretamente por Isabel Mociño, Ana Iglesias, Xosé Constenla, Fernando Dacosta e Mercedes González e nela colaboran a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Área de Normalización Lingüística e a Biblioteca Rosalía de Castro do campus, ademais da propia Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Será o sexto ano consecutivo que o campus se una a esta celebración, que por primeira vez terá como día central o 23 de febreiro, despois de que a investigadora galega Sagrario Abelleira revelara nova documentación que acredita a data de nacemento real da escritora galega ese día e non o 24 de febreiro, como se cría.

Reivindicar o pasado e o futuro

Salientando como a conmemoración do Día de Rosalía ten cada vez máis implantación social, Isabel Mociño explica que “a nosa facultade un ano máis únese, como non podía ser doutro xeito, á celebración e aos eventos conmemorativos desta efeméride”. Seguindo a liña de anos anteriores, indica a profesora, o centro “o que quere é implicar de xeito activo ao alumnado, futuros mestres e mestras, na re-lectura, re-escrita e o pensamento crítico arredor da obra de Rosalía e a súa actualidade”. Reivindicar a voz da escritora fundacional da literatura galega contemporánea, sinala, é necesario nun contexto de perda de falantes entre as novas xeracións. Neste contexto, Isabel Mociño destaca o papel que poden xogar as futuras mestras e mestres que agora se forman na universidade na transmisión da lingua e a cultura galegas e no seu futuro.

Este ano, explican desde a organización do Día de Rosalía no campus, a programación deseñada aposta por “innovar en canto ás propostas de como achegármonos a Rosalía”, buscando fórmulas para “poder, a través da súa poesía, pensar no futuro que estamos elaborando desde o presente”. Neste senso, comenta Isabel Mociño, “queremos funcionar como un elo entre ese pasado que representa Rosalía e o futuro por proxectar, as sementes que queremos lanzar cara os que virán”. Sobre a programación que se levará a cabo, as e os seus responsables subliñan a “implicación nela dun amplo grupo de alumnado de áreas moi diferentes” e o feito de que busca a participación do resto da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral, amosando a súa confianza en que cada unha das actividades teña unha boa acollida o día da súa celebración.

Dous días de actividade

A programación desenvolverase os dous días na Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense. O día 23 de febreiro arrancará, como xa é tradición, coa lectura do manifesto feito para a ocasión desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta edición foi realizado pola escritora Beatriz Maceda Abeleira e leva por título Pensar[te] libre, partindo das palabras de Rosalía de Castro “Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”. Tras este manifesto, profesorado e alumnado de Educación e Traballo Social dará lectura a poemas da escritora galega homenaxeada e a pensamentos por elas e eles elaborados tomando como inspiración eses poemas de Rosalía de Castro. Esta actividade xorde a partir do lema escollido para esta edición do Día de Rosalía pola asociación organizadora, que é #SementadePensamentos. Os pensamentos propostos por alumnado e profesorado, e por persoas que os deixen en Instagram (#diaderosaliauvigo) ou nunha árbore de cartón ubicada na entrada do Edificio de Ferro, serán gardados nunha cápsula do tempo chamada Sementes para ao futuro que será enterrada no acto. Para rematar este día grande de Rosalía de Castro haberá unha intervención musical da profesora Lucía Casal e alumnado de segundo curso do Grao en Educación Primaria. A programación continuará no campus de Ourense o 24 de febreiro, ás 19.30 horas, cun concerto do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum, a Aula de Gaita universitaria e o grupo formado pola profesora Lucía Casal e alumnado de segundo curso de Educación Primaria.