DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre o 19 e o 28 de abril desenvolveranse unha serie de conferencias, talleres e xornadas

Preto de 15 actividades porán en valor a creatividade como piar central do campus de Pontevedra

Promovidas polo proxecto de especialización Crea e abertas á cidadanía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Emprender
  • Estudantado
  • Música
  • Premios
  • Institucional
DUVI Pontevedra 11/04/2023

Coincidindo coa conmemoración, o 21 de abril, do Día Internacional da Creatividade e da Innovación, o campus de Pontevedra busca pór en valor o fío condutor do seu proxecto de especialización, a creatividade, cun conxunto de actividades gratuítas e abertas a toda a cidadanía. Entre o mércores 19 e o venres 28, as diferentes facultades e escolas acollerán unha serie de conferencias, talleres e xornadas, no marco da Semana da Creatividade e da Innovación. Trátase dun conxunto de propostas que buscan pór de relevo “os vínculos que hai entre os distintos graos, mestrados e doutoramentos do campus, a través de actividades que propoñen distintos enfoques da creatividade”, sinala a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto.

“Trátase de actividades que vinculan a innovación, a creatividade e a imaxinación desde distintos puntos de vista e que poden ser moi enriquecedoras para calquera persoa”, engade Fernández Souto da programación promovida polo Campus Crea. Nese senso, esta Semana da Creatividade e da Innovación contará, entre outros, coa participación do creativo publicitario Toni Segarra, que a revista Forbes situou entre as 25 persoas máis influentes de España; do fundador do Museo de Ideas e Inventos de Barcelona, Pep Torres; e da cineasta Ángeles Huerta, directora da película máis galardoada na última edición dos Premios Mestre Mateo, O Corpo Aberto

Do poder da imaxinación a un dos principais creativos publicitarios

A Semana da Creatividade e da Innovación arrancará o vindeiro mércores 19 de abril na Facultade de Comunicación, cun acto de presentación que se verá sucedido pola inauguración da exposición Do soño á realidade. 1500 ideas, 26 propostas de novos produtos. Coordinada polos profesores Pedro Figueroa e Ana Dopico, trátase dunha mostra que reúne os traballos desenvolvidos polo alumnado da facultade nun seminario de innovación, no que deben abordar as diferentes fases de deseño dun novo produto. A continuación, terá lugar o relatorio Innovación tecnolóxica: sabes como abordala para evolucionar os teus produtos e servizos?, a cargo da egresada da facultade e responsable de innovación aplicada da consultora tecnolóxica Capgemini, Noelia Vázquez.

Da man da Facultade de Comunicación, a actividade continúa o xoves 20 cun coloquio dos creativos publicitarios Toni Segarra e David Torrejón, que presentarán o libro Toni Segarra y la Publicidad, unha publicación que busca afondar nas claves do pensamento creativo do que foi recoñecido pola revista Anuncios como o mellor creativo español do século XX e que Forbes situou entre as 25 persoas máis influentes do país.

Á semana seguinte, o martes 25 visitará a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte o emprendedor, escritor e deseñador Pep Torres, impulsor do Museo de Ideas e Inventos de Barcelona, que a revista Time situaba en 2009 como un dos mellores inventores do mundo. Nunha actividade, a medio camiño entre “a conferencia e o taller”, como apunta Fernández Souto, titulada Revolution mind: o poder do algoritmo humano, Torres porá o foco nas oportunidades de innovación que existen no seo das organizacións. 

Finalmente, o bloque de conferencias desta Semana da Creatividade e da Innovación complétase o mércores 26 cun relatorio do coordinador xeral da empresa Daveiga, Xosé Lois Lamazares, organizada coa colaboración do Pont-Up Store e dirixida a afondar na traxectoria dunha empresa que, desde a economía social e o rural, logrou alcanzar unha facturación anual de seis millóns de euros. 

Creatividade e cinema

Outra das propostas inseridas nesta programación son as Xornadas de Pensamento e Creatividade, que a Vicerreitoría organiza xunto coa Aula Castelao de Filosofía e que terán lugar o 27 e 28 de abril na Casa das Campás. Centradas no mundo do cine, abriranse na tarde do xoves 27 cunha conferencia de Ángeles Huerta, cuxa última longametraxe O Corpo Aberto era recoñecida, entre outros, cos galardóns á mellor película, dirección e guión nos Mestre Mateo. Tras o seu relatorio, a xornada completarase cunha actuación do músico Paulo Pascual, autor da banda sonora do documental Negro Púrpura, a primeira realizada integramente cun theremín.

O venres 28, este ciclo acolle a proxección do documental Doe o Courel, que afonda nas consecuencias dos incendios que esta serra sufriu en xullo de 2022 e que será presentado polo seu director, Xacobe Meléndrez Fassbender. Finalmente, as xornadas completaranse cunha actuación de Samudrá Trío, unha formación integrada pola pianista Yamini Teresa Prabhu, a violonchelista Jimena Andión e a frautista Laura Lorenzo que en 2022 era recoñecida co Premio Martin Códax na categoría de música clásica e contemporánea. 

Tamén se insire nesta programación o ciclo de cine Expediente Alquimia, que se desenvolve entre marzo e xuño e que busca explorar, a través de filmes de diferentes épocas e xéneros, as múltiples canles polas que a creatividade se fai patente no cinema. 

Obradoiros, premios e unha regata

Tamén abertos a toda a cidadanía, aínda que con inscrición previa, tres obradoiros forman parte tamén da programación desta semana. Entre eles atópase o taller de creatividade persoal O cuarto azul, que a actriz Helen Bertels imparte desde este luns e ata o 28 de abril. Como lembra Fernández Souto, esta obradoiro combinará unha serie de sesións presenciais, que terán lugar na Facultade de Fisioterapia, con actividades de carácter virtual previas, de tal xeito “que aínda que o taller comezou esta semana, segue aberto o proceso de inscrición ata completar as súas prazas” a través do correo dir.crea.po@uvigo.es.

Tamén con inscrición previa, neste caso a través do enderezo dir.dinamizacion.po@uvigo.es, o luns 24 de abril terá lugar na Escola de Enxeñaría Forestal o taller Nova técnica na pandeireta: unha aproximación aos recursos interpretativos da pandeireta galega no século XXI. Impartido polo responsable da Aula Permanente de Música Tradicional do campus, Suso Vaamonde, trátase dun curso de perfeccionamento, dirixido a persoas con coñecementos previos no manexo deste instrumento, que deberán levar a súa propia pandeireta. 

Coa colaboración do proxecto HEI4Future, esta programación formativa complétase o xoves 27 coa xornada Emprender nos medios sociais, que se desenvolverá na Facultade de Belas Artes e na Casa das Campás e que ten como obxectivo afondar no impacto das redes sociais no emprendemento. Dirixido a amosar ás persoas participantes como desenvolver estratexias de comunicación efectivas nestes medios, o programa deste seminario, con inscrición previa, abrangue unha mesa redonda sobre marca persoal, coa participación de diferentes influencers, xunto cunha serie de conferencias sobre a creación de contidos e o emprendemento no eido dixital.

Así mesmo, tamén forma parte da Semana da Creatividade e da Innovación a primeira Regata Cátedra Almirante Álvarez Ossorio – Trofeo Ría de Pontevedra, de barcos dragón, na que se medirán dúas tripulacións integradas por alumnas e alumnos da UVigo e da Escola Naval Militar. A programación complétase á súa vez cun concurso de fotografía en Instagram centrado na creatividade e cos III Premios Crea-Creatividade e Innovación, que a Vicerreitoría promove xunto co Consello Social da Universidade.  

Programa da Semana da Creatividade e da Innovación