DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un estudo da Cátedra Feminismos 4.0 aborda a normalización das violencias dixitais nesta rede social

Preto do 30% das alumnas da UVigo reciben frecuentemente imaxes sexuais a través de Instagram

As estudantes sofren tamén en maior medida episodios de acoso sexual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/02/2023

Coñecer tanto a incidencia entre o alumnado da UVigo de diferentes tipos de “violencias dixitais” na rede social Instagram, como o xeito no que estas son percibidas, constitúe un dos obxectivos centrais dun estudo coordinado polo profesor da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán e a investigadora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro. Desenvolvido no marco da Cátedra Feminismos 4.0, que impulsan a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, o proxecto Toxicidade e violencias machistas en Instagram ten como punto de partida unha enquisa realizada a máis de 600 estudantes dos tres campus e que permitiu constatar que o 58% do alumnado da UVigo sufriu situacións de acoso nesta rede social, que só denunciaron no 17% dos casos. “A principal conclusión é a normalización da violencia”, sinala Martínez Rolán, que recoñece que este estudo “amosa datos preocupantes”, á vez que constata que estas violencias dixitais son padecidas en maior medida e dun xeito máis recorrente polas alumnas. 

Así, se ben preto do 50% das e os participantes afirmaron ter recibido imaxes sexualmente explícitas non demandadas, isto aconteceulle dun xeito “frecuente ou moi frecuente” ao 28% das estudantes, fronte ao 18% dos homes. Do mesmo xeito, as alumnas tamén tiveron que enfrontarse en maior medida a “mensaxes insistentes” por parte de persoas ás que non responderon ou rexeitaron, unha situación que padeceron de xeito frecuente o 43% das participantes no estudo, fronte ao 20% dos alumnos. Igualmente, o 9% das estudantes recoñeceron ter sido acosadas sexualmente a través de Instagram dun xeito frecuente, o que só lle aconteceu ao 3% dos participantes.

Os primeiros datos da investigación que Martínez Rolán e Piñeiro realizaron xunto cos investigadores Laura Castro, da UDC, Graciela Padilla, Almudena Barrientos e David Caldevilla, da Universidad Complutense de Madrid, presentáronse en novembro na cuarta edición do workshop Hackeando o patriarcado, da Cátedra Feminismos 4.0. Estes permitiron constatar que o 58% sufriu situacións de acoso a través de Instagram, un 13% de xeito frecuente, e que a súa resposta maioritaria foi ignoralas, no 53% dos casos. Posteriormente, esta análise viuse complementada por un estudo “dos datos segregados por xéneros”, que permitise detectar diferencias na “valoración e percepción de diferentes tipos de violencias dixitais”, explica Martínez Rolán, que poden darse nunha rede social empregada pola práctica totalidade do alumnado. 

Condutas que as alumnas sofren con maior frecuencia

A enquisa respondida por un 73% de mulleres, un 23% de homes e un 1% de persoas non binarias permitiu en primeiro termo constatar que unha “porcentaxe bastante elevada” do alumnado, máis do 35%, sentíronse “ofendidos, humillados, intimidados, acosados ou agredidos” nesta rede social. Á hora de coñecer “que tipos de violencia eran os máis habituais”, a investigación permitiu constatar que, na súa maioría, as alumnas sufríanas dun xeito “frecuente ou moi frecuente” en maior medida que os homes. Ese é o caso da recepción de imaxes sexuais ou de mensaxes insistentes, pero tamén do uso de “linguaxe odiosa” contra elas, de ter sido avergoñadas publicamente ou de que outros usuarios compartisen ou ameazasen con compartir imaxes ou información persoal sen o seu consentimento. Pola contra, o único aspecto que os estudantes varóns sinalaron padecer en maior medida foi o de ter sido “ameazados con violencia física”, o que lle aconteceu de xeito frecuente ao 8% dos alumnos e a un 4% das alumnas.  

Como perciben unha rede social na que é doado atopar “contidos nocivos”

Ademais de detectar diferencias no uso que homes e mulleres dan a Instagram, que elas empregan en maior medida para “crear contidos”, outro dos propósitos do estudo era afondar na súa percepción desta rede social. Neste punto, o 60% das estudantes sostiveron que “perpetúa os estereotipos de xénero”, fronte ao 55% dos alumnos. Pola contra, o 12% dos estudantes consideran que “publicar imaxes ou poses suxestivas supón unha forma de apoderamento das mulleres”, algo co que só están de acordo o 7% das participantes no estudo. 

Nesa mesma liña, investigadores e investigadoras buscaron tamén coñecer en que tipo de ideas asociadas á Instagram podería existir unha postura diferente entre alumnos e alumnas. Neste punto, o estudo permitiu coñecer, explica Martínez Rolán, que “os homes están máis de acordo que as mulleres en que é normal que as persoas que publican fotos do seu corpo sexan atacadas ou que publicar imaxes e poses suxestivas pode atraer un maior número de usuarios á túa conta”. Igualmente, o 17% dos participantes amosáronse de acordo con que “é normal que a túa parella queira seguir os teus movementos en redes sociais”, fronte ao 7% das enquisadas. Pola contra, estas mostráronse conformes en maior medida con ideas como que Instagram “promove o apoderamento das mulleres” ou que “canto máis publicas da túa vida privada, máis te expós a criticas”.

Así mesmo, outro dos obxectivos desta investigación foi “indagar sobre o coñecemento e facilidade de acceso que ten a mocidade a determinados contidos nocivos para a súa saúde física e mental”, o que permitiu constatar que a maioría do alumnado percibe como "fácil ou moi fácil" atopar en Instagram contidos racistas, machistas, misóxinos ou homófobos.

Unha liña de traballo coa que continuar

Os datos reunidos para este estudo poden consultarse na web do proxecto e darán lugar a novas análises en publicacións científicas. Ao mesmo tempo, Martínez Rolán recoñece o interese do equipo investigador de “levar o cuestionario a outras universidades” coa idea de poder comprobar “se os datos que obtemos na UVigo poderían extrapolarse a nivel estatal, o que moi probablemente sexa así”.