DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na segunda das conversas Empresa Universidade, promovidas polo Campus Crea 

Profesionais formadas na Facultade de Comunicación comparten co alumnado os seus inicios no mundo laboral

A actividade continúa en novembro en Fisioterapia e Deseño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 30/10/2023

Catro profesionais da creatividade publicitaria retornaron este luns ao centro no que se formaron, a Facultade de Comunicación, para compartir co alumnado os seus primeiros pasos no mundo laboral e a súa visón respecto do presente e o futuro do sector. Fixérono no marco das Conversas Empresa Universidade, unha iniciativa promovida polo Campus Crea coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo, que nestas semanas achega a diferentes facultades as visións dunha vintena de profesionais da fotografía, a publicidade, a fisioterapia e o deseño.

Da man de “catro exalumnas de distintas promocións”, a xornada deste luns puxo o foco na “creatividade publicitaria, desde unha perspectiva ampla”, como explicou na presentación a directora da Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto. Para iso, o encontro contou coas intervencións de Noelia Estévez, socia fundadora do estudio Desoños, da responsable da axencia Igráfica, Irene García; así como con Umá de Oliveira, creativa en NTT Data, e Lidia Dosil, do departamento de márketing de Casa Grande de Xanceda, que lembraron tamén o premio que acadaron, na súa etapa como alumnas, no Festival Iberoamericano de Comunicación Publicitaria El Sol. 

Nun “formato informal”, como sinala Fernández Souto, estes encontros buscan non só que o estudantado coñeza as traxectorias e os ámbitos de traballo das diferentes profesionais, senón tamén “as circunstancias, oportunidades e problemas” cos que se atoparon ao rematar os seus estudos. Con esa mesma idea, estas conversas arrancaron o pasado venres cun encontro centrado na fotografía na Casa das Campás, no que participaron as fotógrafas Beatriz Ciscar e Susana Ríos, o fotógrafo e director de arte para marcas de moda Gabriel Mar, exalumno da Facultade de Comunicación, o director do centro de impresión Imprimeverde, Daniel Rodríguez; e o director adxunto da axencia de publicidade Ecovigo, Carlos Prado.

Dúas citas por diante en Fisioterapia e Deseño

A seguinte conversa terá lugar o xoves 9 de novembro en Fisioterapia, coa participación de catro profesionais formados nesta facultade, Alejandro Varela, do Servizo Galego de Saúde; Xoel Hermelo, director das Clínicas Saúde Sport; Hugo Ogando, fundador de ClínicasON; e Alejandro Fernández, responsable da Clínica San Lázaro, así como do fisioterapeuta do Hospital Rivera Povisa Carlos Cáceres. Xa entre o 27 de novembro e o 1 de decembro, esta iniciativa completarase con tres talleres na Facultade de Deseño. Estarán centrados na ilustración de moda, o deseño de embalaxe e o deseño editorial, a cargo de Áurea Aburto e os estudos Cenlitrosmetrocadrado e Desescribir.