DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade celébrase desde este mércores no Concello de Muíños

A programación de cursos de verán arranca cun sobre conservación da biodiversidade

Coa participación de 25 estudantes da Facultade de Ciencias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cursos
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Ourense 14/06/2023

Os cursos de extensión universitaria do campus de Ourense, os chamados cursos de verán, promovidos pola Vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial, arrancaron este mércores a súa programación. Desde hoxe e ata o venres desenvólvese no Concello de Muíños un titulado Retos e perspectivas para a conservación da biodiversidade.

A actividade, de 30 horas de duración, está dirixida desde a Facultade de Ciencias do campus polas investigadoras e profesoras María Fernández e Carmen Seijo e nela participan 25 estudantes dos tres graos que se imparten neste centro, que son os de Enxeñaría Agraria, Ciencias Ambientais e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. Con diferentes títulos, este curso vén desenvolvéndose desde hai anos coa colaboración do Concello de Muíños.

“Nos últimos anos o medio ambiente está a sufrir un gran deterioro debido a diferentes factores como poden ser o quecemento global, a pegada ecolóxica que deixamos os seres humanos ao realizar diferentes accións, etc... Por este motivo, as políticas actuais baséanse e promoven modelos sociais para un desenvolvemento máis sostible”, indican desde a organización. Nun futuro próximo, engaden, “deberemos compatibilizar a conservación do medio ambiente cun desenvolvemento económico eficiente”. Neste contexto, o curso pretende “avaliar, dende un punto de vista científico, a importancia que teñen elementos como a conservación da biodiversidade, a loita contra os lumes e a salvagarda dos recursos naturais e hídricos cara un futuro desenvolvemento sostible da nosa sociedade no século XXI”. Así, a formación quere “promover aptitudes e fomentar o espírito crítico cara a xestión medio ambiental e a súa influencia na natureza, valorando a grande importancia que ten a protección dos espazos naturais protexidos como a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Internacional Xurés-Gerês”.

Tres días de actividade

A programación arrancou este luns con conferencias sobre valores ambientais asociados os recursos hídricos do Xurés (impartida polo profesor Vicente Rodríguez Gracia, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e asesor de Flora Ibérica) e sobre a xeomorfoloxía da Serra do Xurés (a cargo de Augusto Pérez, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela). Xa pola tarde, haberá relatorios sobre as reservas da biosfera como ferramentas de protección da natureza (de José Antonio Amoeiro, xestor da Reserva da Biosfera Internacional Transfronteiriza Xurés-Geres) e sobre a flora e vexetación da serra do Xurés (con Íñigo Pulgar, profesor asociado da Universidad Pablo de Olavide).

Xa o xoves, as persoas inscritas realizarán unha visita ao parque natural e pobo de Salgueiros realizando un “itinerario botánico, faunístico e xeomorfolóxico” coas profesoras da Facultade de Ciencias María Fernández e Carmen Seijo. Tamén haberá unha conferencia sobre o turismo termal e o medio ambiente, con Fernando Suárez, director de Balnearios do Grupo Caldaria. Por último, a programación do venres arrancará cun relatorio sobre conservación e usos tradicionais  de montes e mancomún, de Damián Copena, da Universidade de Santiago de Compostela, e outro sobre economía circular e reutilización de augas en centrais de produción de enerxía, de Javier Agís, da empresa Naturgy Generación, para rematar cunha conferencia sobre o papel do audiovisual na conservación do patrimonio cultural, de Pilar Fernández e Sabela Iglesias, de Illa Bufarda Produtora.