DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula está aberto ata o 5 de outubro

A programación de obradoiros volve con 13 propostas para este cuadrimestre

As novidades céntranse en temas como a dinamización comunitaria e o canto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cursos
  • Cultura
DUVI Ourense 27/09/2023

A oferta de obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense, organizados pola súa vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial, xa está dispoñible. Ata o 5 de outubro permanece aberta a inscrición, a través do Campus Activo da UVigo, nestes cursos, que teñen entre 22 e 60 horas e que buscan complementar a formación do alumnado e da cidadanía. O prezo de matrícula é de 40 euros para o público xeral, 26 para a comunidade universitaria e 32 para outros colectivos vinculados á Universidade de Vigo. Están recoñecidos cun crédito ECTS por cada 30 horas de traballo.

Respecto a anteriores edicións dos obradoiros hai dúas novidades, ambas xurdidas na Facultade de Educación e Traballo Social. A primeira delas, dirixida pola profesora Lucía Casal, leva por título Entender a música dende o canto, e permitirá ás persoas participantes explorar as posibilidades da voz e conceptos básicos de música. A segunda é Ferramentas de dinamización e participación comunitaria: saúde e benestar. Redución das desigualdades. Dirixido tamén pola profesora Carmen Verde, trátase dun curso participativo no que se abordan ferramentas e habilidades para exercer “un liderado efectivo na promoción da saúde”.

Tamén desde a Facultade de Educación e Traballo Social volven a ofertarse os obradoiros Novas linguaxes e habilidades maker para educación e Educación a través da danza e a expresión corporal, centrados en achegar ás persoas participantes as posibilidades educativas da tecnoloxía, no primeiro caso, e o movemento no segundo. Volven tamén os talleres, cun carácter moi participativo, de Mindfulness e benestar, e o Grupo de crecemento persoal e empoderamento para mulleres, centrado este último no traballo conxunto para deconstruír os estereotipos das sociedades patriarcais. Completa a programación o curso de Fotografía. Novas ferramentas para contar a través das imaxes, impartido de novo polo colectivo OllO, e Educación na natureza, que se celebra na aula de natureza de Oira.

Como xa é tradición, os membros da comunidade universitaria e a cidadanía interesada tamén teñen a oportunidade de apuntarse este cuadrimestre ás aulas de artes escénicas do campus de Ourense. As aulas de teatro estarán de novo a cargo de Sarabela Teatro e con dirección de Fernando Dacosta: a aula Rosaura, o primeiro nivel, está aberta ás e aos que se inician no eido teatral, o segundo nivel, Cordelia, ás persoas que xa teñen algo de experiencia e Maricastaña acollerá ás e aos que teñen un nivel máis avanzado. Igualmente celebrarase unha nova edición do Obradoiro de música tradicional galega: gaita e percusión, ofrecido polo músico Gonzalo Abelairas, e da Aula de Danza Contemporánea, a cargo da coreógrafa Nuria Sotelo.