Os traballos estiveron financiados pola UVigo e a Deputación de Ourense
Unha publicación recolle os resultados de catro investigacións multidisciplinares relacionadas con Ourense
Abordan temas como o patrimonio, o enoturismo, as redes sociais e a reutilización de residuos
Ao longo de 2020, grupos de investigación multidisciplinares do campus de Ourense desenvolveron catro proxectos de investigación ao abeiro da convocatoria de axudas INOU (financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense). Os seus traballos estiveron centrados na oferta e reputación dixital do enoturismo ourensán; a interpretación patrimonial de sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei; a análise e prevención de conductas aditivas e de risco nas redes sociais e o emprego de restos de podas de vide para a obtención de produtos de valor engadido. Unha publicación electrónica recolle agora os seus resultados.
O libro, titulado Proxectos INOU 2020. Investigación aplicada na provincia de Ourense, está coordinado por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense. No prólogo, explica que “nesta convocatoria continuamos a traballar na senda da colaboración entre grupos de investigación de diferentes ámbitos de coñecemento e o froito deste traballo conxunto configura os nove capítulos presentes neste libro”. Pondo de relevo as dificultades provocadas pola pandemia, a vicerreitora subliña que “o esforzo realizado fai que aquí se presenten traballos dunha gran calidade, que de certo van ser de moito proveito e interese para o público lector e para a nosa provincia”.
A meirande parte dos proxectos recollidos neste novo volume, subliña a súa coordinada, “entroncan con eixes principais do desenvolvemento da nosa provincia, como son o seu patrimonio artístico e cultural, o enoturismo, o aproveitamento dos residuos da industria vitivinícola, a sostibilidade ou a dixitalización”. Estes proxectos, engade, “contribúen a pór en valor o noso patrimonio cultural, natural e gastronómico, tres piares básicos da economía da nosa provincia” e complétanse con “proxectos que abordan problemas tan actuais como son os relacionados co uso e co abuso que fan das redes sociais os mozos e as mozas, analizando as condutas de risco da mocidade ourensá e desenvolvendo ferramentas dixitais para axudar a evitalas”. Nas investigacións recollidas participou un amplo abano de investigadoras e investigadores do campus de Ourense, encabezados por María Lorena Rodríguez, María Reyes Pavón e Manuel Alfredo Mosquera; Beatriz Comendador e Fátima Braña; Sandra Rivas e Beatriz Gullón e Rubén González e María Encarnación González.
Catro proxectos
O proxecto INOU 2020 máis amplo foi ORDEn: Oferta e Reputación Dixital do Enoturismo Ourensán e contou coa participación de persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática. O seu desenvolvemento articulouse en tres subproxectos, un centrado na diagnose do nivel de congruencia na oferta enoturística da provincia de Ourense; outro dedicado á extracción e pre-procesamento de opinións sobre o sector enoturístico nesta provincia e un último de análise e modelaxe de opinións sobre o sector enoturístico ourensán.
Outra das iniciativas desenvolvidas e recollidas na publicación lanzada agora foi o Proxecto PRE-Media: Interpretación Patrimonial de Sitios con Pintura Rupestre Esquemática da Comarca de Monterrei. Nel, investigadoras das facultades de Historia e de Educación e Traballo Social traballaron na creación dunha contorna virtual para a interpretación patrimonial de sitios con pintura rupestre esquemática desta comarca e no estudo etnográfico do sitio con arte rupestre de Penedo Gordo.
O aproveitamento e valorización de residuos procedentes do agro na provincia de Ourense, concretamente o emprego de restos de podas de vide para a obtención de produtos de valor engadido, foi o obxecto de estudo doutro dos proxectos financiados, desenvolvido neste caso na Facultade de Ciencias. Nel traballouse arredor do aproveitamento e valorización de restos de podas de vide para a obtención de "compostos de base", útiles para a síntese de produtos químicos de interese industrial e biocombustibles, e na recuperación de compostos bioactivos procedentes de podas de vide mediante o uso de disolventes intelixentes.
Por último, tamén se poden ver na publicación os resultados do proxecto DIXITOU: Análise e Prevención de Condutas Aditivas e de Risco nas Redes Sociais. Intervención para o Uso Seguro de cara ao Benestar Dixital, realizado por persoal docente e investigador dos centros de Educación e Traballo Social e Enxeñaría Informática. Neste traballo afondouse na análise de condutas de risco nestas contornas e a influencia sobre a saúde do alumnado ourensán e desenvolveuse unha aplicación dixital para concienciar ao alumnado ourensán do uso das redes sociais.