DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas comisións delegadas da UVigo examínanse preto de 1200 estudantes

Regresan aos campus as probas extraordinarias da ABAU

Os exames prolongaranse ata o xoves 14

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 12/07/2022

Preto de 1200 estudantes examínanse desde hoxe e ata o vindeiro xoves nas diferentes escolas e facultades da Universidade de Vigo das probas de avaliación do bacharelato para o acceso á universidade (ABAU). Son o 43% dos 2748 mozas e mozos que están a facer as probas nas 15 comisións delegadas que se reparten por toda Galicia. Arrancaron cunha presentación ás 09.00 horas e, ás 10.00 h, tivo lugar o primeiro exame: Historia de España. Tras un descanso, continuarán ás 12.00 h con Lingua Castelá e Literatura II.

En canto á distribución por campus, en Vigo examínanse 616 estudantes distribuídos entre a Facultade de Filoloxía e Tradución, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o edificio de Ciencias Experimentais. No caso da cidade de Pontevedra examínanse 291 alumnos e alumnas na Escola de Enxeñaría Forestal e a eles hai que sumar tres estudantes que fan as probas no Centro de Recursos Educativos da Once. No campus de Ourense hai 242 persoas matriculadas para as probas e 40 na comisión delegada da Rúa.

Das cualificacións que obteñan nestas probas dependerá en boa medida a súa nota de acceso ás aulas universitarias. Unha primeira cualificación sobre 10 puntos obtense sumando o 60% da cualificación do bacharelato e o 40% da media dos cinco exames que constitúen a fase obrigatoria. Para o alumnado de ciclos formativos, esta primeira cualificación é a media do seu expediente académico do ciclo. Ademais, o alumnado pode chegar a acadar un total de 14 puntos examinándose de materias da denominada parte voluntaria, para o que se teñen en conta os denominados factores de ponderación para o acceso aos distintos graos universitarios. Do total das 2748 persoas, 746 (27%) farán unicamente os exames correspondentes á parte voluntaria.