DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Superados os problemas de Dirección e Xestión Pública preocupa Enxeñaría de Telecomunicación

O reitor confirma no primeiro Consello de Goberno do curso que “a matrícula de grao ronda o 100%”

O acto de recoñecemento aos mellores expedientes da ABAU rotará polos sete campus galegos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 25/09/2023

As cuestións relativas ao inicio do curso protagonizaron o primeiro Consello de Goberno do ano académico 2023/2024. O reitor vigués, Manuel Reigosa, adiantou nesta sesión que, se ben aínda non son datos consolidados, “a matrícula de grao ronda o 100%”, ao compensarse as titulacións que teñen algún estudante de máis con aquelas nas que queda algún oco baleiro. Nesta liña, o máximo responsable da institución académica viguesa deu por solucionados os problemas de matrícula que viña habendo co Grao en Dirección e Xestión Pública, que xa alcanzou a cifra de 45 estudantes, “unha magnífica tendencia que agardamos confirmar en vindeiros anos” e, pola contra, admitiu que comeza a ser preocupante a falla de vocacións que se está a rexistrar a nivel nacional nos estudos de Enxeñaría de Telecomunicación, algo que tamén afecta á escola viguesa, “pese a tratarse dunha titulación moderna, con gran demanda empresarial e magníficos datos de emprego”, polo que, segundo adiantou, desde a UVigo se fará todo o posible por reverter este proceso.

Son algúns dos feitos máis salientables dunha sesión que se celebrou de xeito presencial no paraninfo do edifico Ernestina Otero e que, como é habitual, tamén puido seguirse en liña. A xuntanza arrancou cunha agarimosa lembranza para o “benquerido profesor” da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Fernando Isasi, falecido o pasado mes de agosto.

Un curso que arranca con novidades...

Como principais novidades deste curso Reigosa situou o Grao en Deseño, “longo tempo agardado”, que arranca andadura no edificio de Benito Corbal e que se agarda poida dispor de facultade propia nun par de anos, e o Máster en Enxeñaría Aeronáutica, “tamén longo tempo esperado e que, finalmente, é unha titulación exclusiva da Universidade de Vigo”. A eles súmanse tres novos mestrados partillados: Xestión Sostible da Auga, Tecnoloxías da Comunicación Cuántica é Fabricación Aditiva. 

Ao marxe destas cuestións, o reitor  informou tamén aos membros do Consello de Goberno que o acto de recoñecemento aos mellores expedientes da ABAU, que tradicionalmente se celebraba na Universidade de Santiago de Compostela, pasou a ser un acto do Sistema Universitario Galego, no que participan as tres universidades públicas e a consellería e, polo tanto, a partires de agora a súa celebración irá rotando polos sete campus galegos. “Penso que é unha boa nova e cando nos toque en Vigo farémolo con ledicia”, recalcou o reitor, quen subliñou que, “polo momento non se sabe se o vindeiro ano lle corresponderá organizalo á Universidade de Vigo ou a da Coruña”. Por outra banda, tamén deu conta da contratación de Magoya Méndez Martínez como nova xerenta da Fundación Universidade de Vigo.

Luz verde a múltiples trámites académicos

O vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente Alfonso Lago foi o encargado de presentar en detalle o calendario e procedemento para a aprobación de verificación e modificación de titulacións de grao, máster e doutoramento para o curso 2025/2026, así como o proceso para a realización, tratamento e presentación de resultados das enquisas de avaliación docente do profesorado, aprobada por asentemento na reunión da mesa de negociación do PDI o pasado 6 de xullo. Este último someteuse a votación e o resultado foi de 34 votos a favor, 2 en contra e ningunha abstención.

Durante a sesión procedeuse tamén á aprobación da modificación do regulamento de réxime interno do CACTI -a anterior versión era do ano 1996-, así como dos centros de investigación atlanTTic, Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, e CISPAC, Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, así como das facultades de Relacións Internacionais, Bioloxía e Dirección e Xestión Pública.

Por outra banda, tamén se deu visto e prace á excedencia temporal solicitada polo catedrático de Dereito Administrativo Pablo Menéndez García para incorporarse á Universidad Rey Juan Carlos onde porá en marcha un proxecto de investigación sobre o servizo público de abastecemento de auga a poboacións, a sostenibilidade deste recurso e o réxime xurídico do vertido, depuración e reutilización de ditas augas.

A orde do día, incluíu ademais a modificación da denominación da empresa de base tecnolóxica Prismatrix, dirixida a explotar o coñecemento no ámbito da trazabilidade de materiais textiles e cuxa creación foi aprobada no Consello de Goberno do pasado mes de xuño. O cambio de denominación débese, segundo explicou a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, a que durante o proceso de constitución detectouse que esta denominación non estaba dispoñible polo que se propuxo o cambio a Spectrum Grid, Sociedad Limitada.

Aprobouse tamén nesta sesión a extinción do título de Máster en Administración e Dirección de Empresas (MBA), situación que vén derivada do convenio asinado en decembro de 2021 no que se regulaba o cese de actividades do Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa e a súa desadscrición como centro adscrito á Univesidade de Vigo. Tras o seu paso por Consello de Goberno, queda pendente o informe do Consello Social e, posteriormente, elevarase tamén á Xunta de Galicia para que dea o visto e bo definitivo a esta cuestión.

A orde do día incluía tamén a elección dos integrantes  da Comisión de Convivencia e Bo Goberno e tamén dun representante do PDI na Comisión de Investigación e Transferencia delegada do Consello de Goberno. En ningún dos casos foron necesarias eleccións, incorporándose á Comisión de Convivencia os docentes Patricio Sánchez Fernández e María José Vázquez Figueiredo, en representación do sector PDI; e Nerea Ferreiro Fernández e Sandra María Martínez Gómez, polo sector estudantes. A falta de candidaturas do sector PAS, obrigou a que a elección dos representantes deste sector quede pendente para un vindeiro Consello de Goberno, ao igual que o membro do PDI na Comisión de Investigación e Transferencia.

Na quenda de rogos e preguntas interviñeron diferentes membros da comunidade universitaria e abordáronse, entre outros, temas como o pagamento da produción científica, a partida de equipamento docente dos centros, a implementación de SIGMA no período de matriculación e as listas de agarda no proceso de contratación do profesorado.