DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nela asociáronse as estruturas escavadas ás diferentes etapas cronolóxicas de ocupación do enclave

Remata a intervención arqueolóxica deste verán en Adro Vello con novos achados

Foi realizada polo GEAAT con financiamento da Consellería de Cultura

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 02/08/2023

Por segundo ano consecutivo e desde mediados de xuño, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo realizou unha campaña arqueolóxica no xacemento de Adro Vello (O Grove, Pontevedra) que acaba de rematar. Os traballos realizados, financiados con preto de 200.000 euros pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia permitiron asociar as estruturas deste xacemento ás diferentes etapas cronolóxicas da súa ocupación, que abranguen un extenso período desde o século I ata o XVIII.

A campaña de investigación, escavación e conservación do xacemento arqueolóxico de Adro Vello, declarado Ben de Interese Cultural, foi executada polo GEAAT ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a propia Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+I 2023-2024. Dirixida polo arqueólogo do campus de Ourense Adolfo Fernández, contou coa colaboración de numerosos grupos de investigación, entidades e especialistas. “A campaña deste verán consistiu na escavación de varias zonas arqueolóxicas do xacemento que quedaran parcialmente escavadas desde os anos 80 e 90 do século pasado e sobre todo actuacións xa de conservación e restauro sobre as estruturas que estaban á vista desde hai moitos anos e que estaban bastante degradas”, comenta o responsable do proxecto.

Capas sucesivas de ocupación

O gran reto nesta campaña de Adro Vello foi, explica Adolfo Fernández, “interpretar o xacemento” destacando como “conseguimos asociar todas as estruturas escavadas ás diferentes etapas cronolóxicas dunha maneira satisfactoria para poder logo amosar isto ao visitante cando se poida abrir ao público”. Este xacemento, recalca, “tivo unha vida con moitas fases: romana, tardoromana, altomedieval, medieval e moderna” e o seu grande elemento diferenciador “é que unha vez que se converte nun lugar de culto comezouse a enterrar nel e o que temos hoxe en día en toda a área escavada é unha extensísima necrópole de inhumación, con miles e miles de sepulturas con mortos de diferentes séculos”. 

O xacemento de Adro Vello, lembra Adolfo Fernández, foi descrito por José Carro Otero nos anos 90, despois de 13 campañas de intervención. “El fixo unha interpretación que nós cambiamos lixeiramente”, detalla. Segundo explica o arqueólogo e profesor da Facultade de Historia da UVigo, o enclave ten restos de moitas fases de ocupación, desde o século I ata o século XVIII, nuns poucos metros cadrados pero en numerosas capas sucesivas. “Temos unha fábrica de salga de época romana, do século I despois de Cristo, que despois é abandonada. Sobre esta zona constrúese, sobre a praia do Carreiro, unha casa baixoimperial tardoromana, que vai a ocupar todo este espazo ata unha data imprecisa, probablemente o século V ou VI”, explica.  A partir de aí, engade, “o espazo doméstico e produtivo transfórmase nun lugar eclesiástico, de época altomedieval, construíndose un edificio probablemente de culto e asociado a el outras estruturas que poderían estar falando dun pequeno mosteiro, que se estende ata o século XI ou XII, cando debeu ser medio abandonado”. Posteriormente, continúa relatando o arqueólogo, “constrúese a igrexa parroquial do século XIII ou XIV de San Vicente do Grove, que é a máis chamativa dentro do xacemento, e que no século XVIII trasládase a onde se atopa hoxe, a arredor de 200 metros de Adro Vello”.

O proxecto de Adro Vello retomarase en setembro xa centrado na conservación e restauro, con idea de actuar sobre as estruturas, tanto pavimentos como muros, para consolidalos e estabilizalos e deixalos listos para a súa musealización. 

Moedas e restos de cerámica

Ademais, no trascurso destea intervención tamén saíron á luz restos como cerámica, unha moeda ou un coitelo cun mango feito de óso, que poñen de manifesto a importancia histórica, científica e cultural deste espazo único en Galicia, declarado Ben de Interese Cultural, "que resulta clave para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés", segundo destacaron desde a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Co fin de dar a coñecer entre a cidadanía os resultados que se van acadando, mañá xoves terá lugar, ás 11.00 horas, un obradoiro de moscaicos para cativada de 6 a 11 anos, así como unha visita teatralizada, programada para as 20.00 horas.