DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao asignárselle por primeira vez o factor de impacto do Journal Citation Reports (JCR)

A revista da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte aséntase na principal base de datos de publicacións científicas

Centrada na investigación e innovación no ámbito educativo, edítase desde 2003 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/07/2023

Creada hai 20 anos co propósito de dar visibilidade ás investigacións e innovacións no ámbito educativo desde un enfoque interidsciplinar, a Revista de Investigación en Educación recibiu, por primeira vez, o chamado factor de impacto (JIF) do Journal Citation Reports (JCR), o índice de citas máis valorado polos organismos de avaliación de actividade investigadora. Deste xeito, a revista promovida pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dá un paso máis á hora de asentarse na principal base de datos de publicacións científicas, polo de agora, “nunha posición modesta”, como recoñece o seu editor xefe, Alberto Pazo, aínda que, engade, “confiamos en seguir avanzando , porque o número de artigos que recibimos é cada vez maior e de maior calidade”. 

Creada en 2003, a Revista de Investigación en Educación incorporábase en 2015 ao índice multidisciplinar ESCI (Emerging Source Citation Index), da Web of Science, dedicado a revistas emerxentes. Seis anos máis tarde, en 2021, as publicacións escollidas para esta colección pasaban a integrarse no JCR, mais non recibían factor de impacto, que se lles outorga por primeira vez na edición de 2023, que a empresa Clarivate Analytics facía pública nos últimos días. Deste xeito, convertíase na segunda da revistas editadas polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo en formar parte do JCR, tras VIAL-Vigo International Journal of Applied Linguistics, presente desde 2010. 

Unha clasificación que se completará en 2024

Promovida por Clarivate, a Web of Science (WOS) está conformada por unha “ampla colección de bases de datos bibliográficas, citas e referencias de publicacións científicas de carácter multidisciplinar, que permiten avaliar e analizar o rendemento e a calidade científica da investigación”, como explican desde a Área de Servizos Bibilométricos da Universidade de Vigo. Ata o ano 2021, só estaban incluídas no JCR as revistas integradas no Science Citation Index Expanded (SCIE) e no Social Science Citation Index (SSCI) e a partir dese ano Clarivate decidiu incoporar tamén a este ás coleccións ESCI e AHCI (Arts and Humanities Citation Index), por considerar que cumprían "os rigorosos criterios de calidade” esixidos. Deste xeito, publicacións como a impulsada desde o campus pontevedrés pasaban a formar parte da “colección principal” da Web of Science, pero a estas asignábaselles un novo indicador, o Journal Citation Indicator (JCI), en lugar do “máis restritivo” JIF. Finalmente, nos últimos días WOS facía público, como "principal novidade" do JCR en 2023, que o JIF esténdese "a todas as revistas que superaron os rigorosos criterios de calidade da Web of Science", o que supón a incorporación deste indicador a 9000 revistas, para un total de 21.500 publicacións de 112 países, entre as que figuran 724 revistas españolas.

Estes cambios, como explican desde a Área de Servizos Bibliométricos, “só afectan ás métricas de 2022, publicadas no mes de xuño de 2023”, de tal xeito que publicacións como a Revista de Investigación en Educación só obteñen o factor de impacto correspondente a 2022, mais non unha posición nos ránkings, nin a súa clasificación en cuartís ou percentís baseados no impacto dos seus artigos. Esta, como explica Pazo Labrador, obterase coa edición de 2023, que se publicará o vindeiro ano. 

Dúas décadas de traxectoria

Dirixida dar visibilidade ás investigacións e innovacións nos diferentes niveis educativos, desde un enfoque multidisciplinar, a Revista de Investigación en Educación iniciou a súa traxectoria coa publicación en 2003 cun primeiro volume en papel, pero sería a súa conversión nunha publicación dixital de acceso aberto, a partir do cuarto número, a que lle permitiría ir incrementando tanto o número de artigos que recibe por parte de investigadores e investigadoras de diferentes países, dos que só son seleccionados preto do 20%, como a súa proxección en América Latina. De feito, para o último volume do seu número 21, o correspondente a 2023, recibiron preto de 90 propostas, “un récord na historia da revista, que está obrigando ao todo o equipo editorial a empregarse a fondo para as primeiras revisións”, recoñece Pazo, que destaca o “papel fundamental” tanto do comité editorial como do director técnico da revista, Uxío Pérez.

Desde 2010, a revista edita dous volumes cada ano, nos meses de abril e outubro, e tras entrar a formar parte de índices como EBSCO ou Latindex, en 2015 integrábase no ESCI, unha nova colección creada polo WOS para publicacións emerxentes, para incorporarse en 2019 a Scopus. Cun comité científico integrado por investigadores e investigadoras dunha decena de países, a revista levaba anos cumprindo “todos os requisitos necesarios para entrar a formar parte destes índices, como puntualidade na publicación dos números, homoxeneidade nas citas bibliográficas, normas éticas e de boas prácticas ou avaliación por pares cega”, como lembraba Pazo Labrador. Nese senso, o editor xefe desta publicación pon de relevo que, unha vez incorporada ao JCR, o obxectivo é “seguir na mesma liña, con rigor e constancia, e conseguir unha posición cada vez máis elevada”, ao tempo que admite que “o máis difícil é manter a mesma tónica no tempo”.