DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira delas terá lugar o vindeiro 21 de outubro

As rutas culturais arrancan a celebración dos seus 25 anos con catro andainas neste primeiro cuadrimestre

Abertas á inscrición da comunidade universitaria e de persoas alleas a ela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 05/10/2023

Co curso académico 2023/2024 xa en marcha, arranca tamén este mes de outubro a programación de rutas culturais da Universidade de Vigo. Este primeiro cuadrimestre serán catro as andainas que se celebrarán co obxectivo de “non andar por andar, senón andar para coñecer a nosa contorna”.  Este será para os roteiros universitarios un curso especial xa que se celebran 25 anos da súa creación.

A programación foi presentada este xoves por Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo; Mónica Villanueva, directora da Área de Coordinación do campus de Ourense; José García-Calvo Willy, coordinador dos roteiros universitarios, e Antonio Vázquez, técnico de Xeitura, acompañados de Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense. Nas súas intervencións destacouse o fito de chegar a celebrar “estes 25 anos camiñando xuntos” e como ao longo destes anos se ten creado “comunidade” arredor desta iniciativa. As rutas universitarias, subliñou Susana Reboreda, son “unha actividade emblemática” que destaca por implicar patrimonio, cultura e deporte e tamén por “mover aos tres campus da UVigo”. Este curso, sinalou José García-Calvo Willy, tocará celebrar “a feliz idea” da súa posta en marcha en 1999 e o seu éxito ao longo do tempo.

Das pozas de Melón a San Pedro de Rocas

A programación arrancará o 21 de outubro coa ruta Cultura da Auga, de dificultade media-baixa e 16 quilómetros, que sairá das pozas de Melón e rematará cun baño nas termas de Prexigueiro. Seguiralle o 4 de novembro unha andaina de dificultade media e 18 quilómetros titulada Cultura do Viño, que comezará no Castelo de Monterrei, sobre o val do río Támega, e rematará nos lagares rupestres de Oímbra. O terceiro roteiro cultural desprazarase a terras lusas, co título Coñecendo Portugal. O Pequeno Tíbet.  Cunha dificultade media e tamén 18 quilómetros, nesta ocasión as e os camiñantes visitarán Sistelo, unha aldea-monumento do Parque Nacional da Peneda Gerês que conta cunha paisaxe de montaña coñecida como “o pequeno Tíbet”. A actividade deste primeiro cuadrimestre rematará o 16 de decembro. Será coa andaina, de dificultade media e 19 quilómetros, Un recordo do pasado. Ourense-San Pedro de Rocas, que descorrerá pola entrada da Ribeira Sacra, repetindo a primeira andaina realizada en 1999 pola Universidade de Vigo. Como é tradición, o roteiro rematará cun tradicional magosto ourensán.

A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración e haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada andaina dende Ourense, Pontevedra e Vigo.