DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase de Alejandro Caporale, Antonio Fernández, María Puertas e Antonio Soria

A Sala Alterarte arranca a súa actividade cunha exposición “de abstracción radical” de catro artistas ourensáns

A mostra Clinamen pode visitarse ata o 17 de novembro no pavillón I do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 28/09/2023

O espazo expositivo do campus de Ourense, a Sala Alterarte, arrancou este xoves a programación do curso 2023/2024 coa exposición Clinamen. Catro propostas de abstracción radical. A mostra, comisariada por Manolo Figueiras, conta con obras dos artistas ourensáns Alejandro Caporale, Antonio Fernández Seoane, María Puertas e Antonio Soria Rocafort. Con ela arranca tamén a coordinación desta sala a cargo do artista e profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Javier Blanco Sierra, que desenvolverá ao longo deste curso académico o ciclo expositivo Recipro-Edadic. Na presentación da mostra, á que tamén asistiu Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, subliñouse que nesta nova etapa de Alterarte buscarase potenciar a súa “permeabilidade” coa contorna.

Clinamen, explican desde a súa organización, foi o nome que o filósofo Lucrecio, seguindo as teorías de Epicuro, propuxo para nomear “a impredicible desviación que experimentan os átomos e que constitúe unha moi temperá achega ao problema do libre albedrío, asunto capital na filosofía moderna e contemporánea”. Xogando con este significado, é tamén a palabra escollida como título para esta mostra que, apuntan, reúne a “catro artistas nacidos ou vencellados a Ourense e que veñen desenvolvendo a súa actividade desde as últimas décadas do século XX e as primeiras do XXI”. Ademais os catro comparten na súa traxectoria creativa o feito de "ver na pintura unha vía de expresión prioritaria e compaxinar ou alternar as linguaxes abstractas coas figurativas", cada un cun estilo diferenciado. Todos e cada un deles, engaden, teñen levado a cabo nalgún momento da súa traxectoria "propostas de abstracción radical que esta mostra pretende someramente rexistrar".

Propostas diversas

As obras expostas están en sintonía coa traxectoria de cada un dos seus creadores. Alejandro Caporale (La Plata, 1972) comezou a súa andaina artística explorando as posibilidades do gravado e a estampación calcográfica (en estreita conexión co campo da fotografía no que posteriormente centrou a súa actividade), traendo a Alterarte obras realizadas con diferentes materiais, como redes e listóns. Pola súa banda, Antonio Fernández Seoane (Ourense, 1973) ten formación académica no campo da filosofía e para el, xunto coa pintura, a escritura constitúe unha vía de expresión e comunicación esencial. Como pintor, é autor fundamentalmente de cadros figurativos de gran formato, grandes frescos alegóricos nos que a linguaxe realista deriva en fortes efectos de irrealidade ou estrañeza. María Puertas (Ourense, 1973) é unha artista fundamentalmente centrada na práctica da pintura, o debuxo e o gravado e tamén ten realizado ocasionais incursións no campo da ilustración, traballando gran parte da súa obra a idea de casa. Por último, Antonio Soria Rocafort (Alcalá de Henares, 1953) é, dos catro, “o de máis longa traxectoria no tempo e o que quizá con maior reiteración ten practicado a alternancia figuración-abstracción”. Na súa obra figurativa, sinalan desde a mostra, “hai sempre unha fonda intencionalidade simbólica que con frecuencia se materializa en forma de alegorías nas que queda de manifesto o seu interese pola mitoloxía, a historia antiga e a psicoanálise".