DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto conta co financiamento da FECYT

Seis científicas referentes desvelan os ‘Desafíos do Océano’ nunha miniserie documental do Campus do Mar

Sobre especies invasoras, plásticos mariños, erosión, acidificación oceánica e sostibilidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 16/09/2022

Seis investigadoras referentes en distintos ámbitos do medio mariño dan a coñecer as súas visións e traballos na miniserie documental Desafíos do Océano: científicas ao mando. Especies invasoras, plásticos mariños, erosión costeira, acidificación oceánica, eventos extremos e sostibilidade son os retos que abordan en cada un dos capítulos, de 15 minutos de duración, que xa están dispoñibles na rede. O edificio Redeiras da Universidade de Vigo acolleu este venres a presentación pública desta miniserie documental de seis capítulos, un proxecto posto en marcha pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia e Innovación, FECYT, que achega un orzamento de 18.000 euros. O acto contou coa participación de tres das seis protagonistas deste proxecto audiovisual, que compartiron co público as súas experiencias.

O proxecto audiovisual aborda seis ámbitos de gran relevancia a nivel global que representan desafíos de futuro para “os océanos, o planeta e a humanidade”, segundo destacou Daniel Rey, director do Campus do Mar. Na súa intervención, lembrou que a reflexión arredor destes retos faise “a través da ollada, traballo e achegas de seis reputadas investigadoras nestes ámbitos en Galicia”. Rey destacou que entre os obxectivos desta serie audiovisual está o de “visibilizar” o traballo e traxectoria destas mulleres investigadoras, cun estilo que busca fuxir de “tópicos” e achegar á audiencia ao día a día destas científicas “desde a proximidade e dunha forma bastante íntima”.

Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, cualificou o proxecto como unha “aposta audiovisual interesantísima” que, ademais, conta co “selo FECYT, froito dun duro proceso competitivo”. Así, trasladou o apoio da Universidade a unha iniciativa chamada a “espertar vocacións científicas” e a facelo a través de “referentes femininos”. “Estamos aí para o que precisedes”, asegurou.

No acto de presentación deste venres participou, en modalidade virtual, a directora xeral da FECYT, Inmaculada Aguilar, que expresou o “orgullo” que supón apoiar un proxecto que contribúe a facer “ofrecer referentes ás novas xeracións” e a facer que a ciencia sexa “máis accesible e atractiva”. A miniserie documental está xa accesible na web do Campus do Mar  e tamén na páxina web do propio proxecto.

Seis capítulos, seis científicas, seis desafíos

A miniserie documental de seis capítulos de 15 minutos de duración está protagonizada polas investigadoras Celia Olabarria (especies invasoras - CIM-UVigo), Lucía Viñas (plásticos mariños - IEO), Ana Bernabeu (erosión costeira - CIM-UVigo), Marta Álvarez (acidificación oceánica - IEO), Silvia Torres (eventos extremos - Cetmar) e Carmen González Sotelo (sostibilidade da pesca - IIM-CSIC). As protagonistas coincidiron á hora de destacar a necesidade de acometer accións que dean “visibilidade” ás mulleres científicas e tamén aos seus respectivos ámbitos de actividade, asegurando que ter participado no documental permitiulles reflexionar sobre cuestións do seu traballo, arredor das cales, o ritmo do día a día, fai difícil reparar.

En canto aos seus ámbitos concretos de actividade, Carmen González (sostibilidade, trazabilidade e etiquetado) destacou como un dos principais retos a necesidade de facer que o consumidor sexa consciente de que “o que consumimos importa e ten impacto sobre o medio ambiente”; mentres que Marta Álvarez (acidificación) fixo fincapé en transmitir a preocupación sobre o que “o invisible tamén importa”. De igual modo, Lucía Viñas (microplásticos) valorou que toda esa información que está sobre a mesa arredor da problemática dos plásticos serve ademais para “levar o foco” a outros tipo de contaminación mariña.

Concurso escolar

Para ampliar a súa acción, o proxecto Desafíos do Océano complementouse con actividades dirixidas á mocidade co obxectivo de espertar vocacións e achegar á xuventude á ciencia mariña en seis ámbitos de nivel global. Noelia Estévez, xestora do Campus do Mar, presentou ao público o concurso escolar convocado para alumnado de 4º da ESO e 1ª de Bacharelato que consistiu na elaboración dun pequeno vídeo de 3 minutos de duración sobre algúns dos retos de futuro en relación aos océanos. 

Os gañadores do certame foron os alumnos e alumnas dun centro de Badaxoz e doutro de Segovia, que puideron gozar dunha estancia de tres días en Vigo para coñecer ás científicas protagonistas da miniserie, descubrir como é o seu día a día profesional e coñecer a zona de Vigo e a súa contorna mariña. Os vídeos gañadores pódense visualizar na páxina de Facebook do proxecto Desafíos do Océano.