DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo uniuse este mércores á celebración do Día de Rosalía de Castro

Sementes para ao futuro da lingua e a cultura galegas

Alumnado e profesorado de Educación e Traballo Social realizou e soterrou unha cápsula do tempo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 23/02/2022

Un ano máis, a Universidade de Vigo sumouse este mércores á celebración do Día de Rosalía de Castro, conmemoración posta en marcha pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coincidindo co aniversario do nacemento da escritora galega. O acto central tivo como escenario o campus de Ourense e nel alumnado e profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social elaborou e soterrou unha cápsula do tempo con materiais e pensamentos cos que quixeron vincular o pasado e o presente da lingua e a cultura galegas e lanzar unha mensaxe de futuro para elas.

Reflexión crítica e legado

O acto, que se desenvolveu na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro do campus, estivo organizado por profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social, concretamente por Isabel Mociño, Ana Iglesias, Xosé Constenla, Fernando Dacosta e Mercedes González e nel colaboraron a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Área de Normalización Lingüística e a Biblioteca Rosalía de Castro, ademais da propia Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Ana María Torrado, directora de Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do campus de Ourense, salientou durante a celebración que o Día de Rosalía é unha oportunidade “para reivindicar a figura, o pensamento, a arte e a lingua” da escritora galega, destacando dela que foi “unha muller pioneira, que segue sendo tan vixente hoxe en día como o foi no seu momento e que segue sendo inspiración para todos nós”.

Pola súa banda, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, subliñou que “Rosalía de Castro deulle a volta a este país e un xiro coperniquiano á lingua” conseguindo que o galego “pasase de ser satélite doutras linguas que dicían que eran máis importantes, a ser para nós a lingua máis importante”. O decano salientou igualmente, ás portas da conmemoración do 8 de marzo, a importancia de “reivindicar o papel das mulleres na historia”, entre elas Rosalía de Castro. En nome do colectivo organizador, Isabel Mociño explicou que a programación deseñada este ano “o que buscou foi sobre todo a reflexión crítica, a lectura de Rosalía desde a perspectiva do presente, ollando cara o pasado pero tamén marcando o reto de mirar para o futuro”. Así, apuntou, pedíuselle ao alumnado do centro “que lera a Rosalía, o noso pasado, desde o seu presente pero pensando nas xeracións que van a vir”. A conmemoración deste Día de Rosalía, comentou a profesora da UVigo, “supón unha oportunidade para facérmonos esa reflexión crítica do que somos, de onde vimos e cara onde imos, tanto individualmente como colectivamente”. Esa reflexión, engadiu, é extensible ao alumnado do centro, “futuras e futuros mestres chamadas e chamados a transmitir o legado cultural, a educar para o futuro ás novas xeracións”.

Manifesto, lecturas, música e cápsula do tempo

O acto arrancou, como xa é tradición, coa lectura do manifesto feito para a ocasión desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e lido pola profesora Mar Fernández. Nesta edición, o texto foi redactado pola escritora Beatriz Maceda Abeleira e levou por título Pensar[te] libre, partindo das palabras de Rosalía de Castro: “eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”. Nel, Beatriz Maceda salienta que “alimentamos a realidade do noso país a través da nosa lingua e das palabras que envolven a nosa diversidade social e cultural. Pensármonos na lingua de nosoutras é manter, transmitir e dignificar quen somos. E esta é a forza que atopamos en Rosalía de Castro: recoñecérmonos como pobo forte, unido na nosa lingua”. Non hai nada máis poderoso, recolle o manifesto que se puido oír no campus de Ourense, “que as voces legadas polas nosas devanceiras, para arrodear os sentires, as emocións, a rebeldía, a liberdade dese pensamento sobre o que ninguén pode mandar”.

Tras este manifesto, alumnado de Educación e Traballo Social deu lectura a poemas da escritora galega homenaxeada e a pensamentos por elas e eles elaborados tomando como inspiración eses poemas de Rosalía de Castro. Os pensamentos propostos polo alumnado e por persoas que quixeron deixar os seus en Instagram e nunha árbore de cartón ubicada na entrada do Edificio de Ferro, foron gardados nunha cápsula do tempo chamada Sementes para ao futuro que foi enterrada no acto. Nesa cápsula tamén se gardou unha antoloxía poética de Rosalía de Castro feita pola creadora Teresa Candal, un xornal do día de hoxe, un euro, unha máscara e sementes de plantas de horta e de árbores froiteiras proporcionadas polo Sequeiro de Carballo (Consellaría do Medio Rural) e Mimá (horta ecolóxica de Meire, Allariz). Estes elementos foron escollidos artellando un discurso entre o pasado, o presente e un futuro de sostibilidade e de esperanza, tamén para a lingua e a cultura galegas. A caixa foi soterrada ao pé do camelio que hai na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro e a súa chave entregada á Vicerreitoría do Campus de Ourense coa idea de que sexa aberta no ano 2063, cando se cumprirán 200 anos da obra de Rosalía Cantares Gallegos.

Para rematar este día grande de Rosalía de Castro tivo lugar unha intervención musical da profesora Lucía Casal e alumnado de segundo curso do Grao en Educación Primaria, acompañados polo gaiteiro Gonzalo Abelairas. A programación continuará no campus de Ourense o 24 de febreiro, ás 19.30 horas, cun concerto do seu coro universitario, da súa aula de gaita e do grupo formado pola profesora Lucía Casal e alumnado de segundo curso de Educación Primaria.