DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns e martes na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

A situación das familias en España, Portugal e Iberoamérica centra o debate do 5º Congreso Internacional da Asociación de Dereito de Familia e Sucesións

O centro acolle tamén a celebración do II Foro Xurídico Ibero Brasileiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Visitas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 17/04/2023

A situación das familias en España, Portugal e Iberoamérica é o tema central sobre o que xira o debate do 5º Congreso Internacional da Asociación de Dereito de Familia e Sucesións, ADFAS, que este luns e martes se celebra na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo. Son algo máis de medio cento de xuristas que, de xeito presencial e en liña desde distintos países, abordarán ao longo destes dous días a situación do Dereito de Familia, “non só desde unha visión global, senón tamén intentando entender porque se chegou a certos excesos neste ámbito”, tal e como explicou a profesora da Universidade de Vigo Mª José Bravo Bosch, coordinadora local da xuntanza, na apertura do encontro.

Trátase, segundo se explicou na apertura, “de intentar unirnos todos os que formamos parte desta marabillosa familia da Asociación de Dereito de Familia e Sucesións, ADFAS, porque o que queremos é entender entre todos de onde vén o Dereito de Familia, como está implantado xuridicamente nos diferentes países, defendelo e adiantarnos a por onde pode ir o futuro, non desde un punto de vista conservador, pero si defendendo o que significa o concepto de familia”, salientou a profesora viguesa, presidenta da Comisión Española de Historia do Dereito de Familia e Sucesións da ADFAS, asociación que ten a súa sede na cidade brasileira de São Paulo e na que están representadas 22 unidades federativas brasileiras, así como diferentes entidades de España, Portugal, Arxentina, México e Perú, e que está presidida pola avogada Regina Beatriz Tavares da Silva, que copresidiu a inauguración do encontro.

A apertura  do congreso serviu para facer unha presentación xeral sobre como está o Dereito de Familia no caso de España e Brasil. A nivel español explicouse, entre outras cuestións, que a columna vertebral na que se basea todo o Dereito de Familia é o Código Civil, que data de 1889, “que nunca foi derrogado,  pero que si leva tido moitísimas modificacións parciais, xeralmente afectando á materia de familia, filiación, tutela, cambio de réxime matrimonial, réxime de gananciais...”. A continuación, tivo lugar un panel sobre as innovacións na universidade, impartido en liña por Eduardo López Pereira, director da ACSUG, a Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego, que se centrou en temas relacionados coa calidade universitaria, tanto en España como en América Latina, un tema que non está directamente vinculado coas temáticas do congreso, pero no que as persoas asistentes de América Latina amosaron un elevado interese. 

Aproveitando a súa presenza en Vigo, a presidenta de ADFAS e parte dos asistentes ao congreso tiveron tamén a oportunidade de manter unha pequena xuntanza co reitor, Manuel Reigosa, que por motivos de axenda non puido achegarse á apertura do congreso.

Tratado da Persoa Maior, máis de 600 páxinas dedicadas aos maiores

A celebración deste xuntanza en Vigo servirá tamén de escenario para a presentación pública –mañá martes ás 17.30 horas- do Tratado da Persoa Maior, segundo libro da Serie ADFAS/Almedina, unha obra bilingüe en español e portugués, con máis de 600 páxinas nas que se van debullando diferentes contidos xurídicos, sociais e de perfil sociolóxico sobre o que significa ser maior en América Latina e Europa. 

Coordinado por Regina Beatriz Tavares da Silva, María José Bravo Bosch e Kátia Boulos, profesora da Universidade de São Paulo, “no libro reflíctese a realidade dunha nación como Brasil, con 180 millóns de habitantes, pero tamén os problemas de países moito máis pequenos como España ou Portugal, deixando claro que hai moitas cuestións que resolver con respecto á situación das persoas maiores, tanto en Europa como en América Latina”, explicaron as coordinadoras. “A realidade é moi diversa, con situacións moi diferentes duns lugares a outros”, explicaron as responsables da obra, quen tamén salientaron que neste traballo se abordan múltiples cuestións, desde cales son os medos das persoas maiores, as presións que poden chegar a ter, as axudas sociais e sanitarias ás que poden optar... 

II Foro Xurídico Ibero Brasileiro: Dereitos fundamentais e democracia

Coincidindo en data co congreso de ADFAS, este luns celébrase tamén na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo o II Foro Xurídico Ibero Brasileiro: Dereitos fundamentais e democracia, unha cita que arrancou de xeito telemático en 2022 e que este ano adquiriu xa formato presencial. Participan 40 xuristas procedentes de diferentes universidades de Brasil, Portugal e da propia Universidade de Vigo co obxectivo de pórse ao día e intercambiar información sobre as investigacións que se están a levar a cabo desde os diferentes grupos de traballo.

O encontro, que tamén pode seguirse en liña,  está organizado polos profesores da Universidade de Vigo Juan Antonio Fernández Corchete, Noemí García Gestoso, María Hylma Alcaraz Salgado e Santiago Salvador Gimerno, xunto con Clodoaldo Silva da Anunciação, docente da Universidade Estadual de Santa Cruz, no Brasil. “A organización desta xuntanza xurdiu tras a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas institucións e a idea é continuar a tradición de organizalo todos os anos”, explica a profesora María Hylma Alcaraz.

A apertura do encontro contou coa participación do decano da facultade Francisco José Torres, e os profesores Noemí García Gestoso e Clodoaldo Silva. A continuación, a sesión inaugural, moderada polo profesor Juan Antonio Hernández Corchete, xirou en torno ao tema dos Dereitos humanos na era dixital e democracia. A partir de aí o traballo organizouse en cinco mesas temáticas que se alongarán ao longo de toda a xornada e na que se tratarán cuestións como protección social e dereitos fundamentais; sustentabilidade e dereito; dereito internacional e dereitos fundamentais e as garantías da persoa ante o dereito penal expandido. 

Ao abeiro da celebración deste encontro, tivo tamén lugar unha pequena xuntanza entre o reitor da Universidade Estadual de Santa Cruz, Alessandro Fernandes de Santana, e o reitor da Universidade de Vigo, que contou tamén coa participación do decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, así como doutros docentes, tanto de Vigo como de resto de universidades brasileiras.