DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entrégase á AECC a recadación do partido benéfico celebrado no campus

Solidariedade coas persoas con cancro e coas familias máis desfavorecidas

Á campaña de recollida de Nadal súmase a celebración dun Festival de Natación co mesmo fin

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 13/12/2022

Este martes, a Asociación Española Contra o Cancro en Ourense (AECC) recibiu o cheque coa recadación (3.355 euros) do partido benéfico contra o cancro de mama celebrado o pasado 19 de outubro no campus universitario. Mentres, continúa ata o día 15 a recollida de alimentos e xoguetes co gallo do Nadal nos diferentes edificios do campus e o sábado día 17 a piscina universitaria acollerá a celebración por parte do Club Natación Escualos Campus Auga dun Festival de Natación en beneficio do Banco de Alimentos.

Apoiando a investigación contra o cancro

O partido benéfico celebrouse co gallo do Día Internacional de Loita contra o Cancro de Mama coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Ourense, a Deputación de Ourense e os diferentes grupos políticos municipais. Nel participaron os equipos Club EFF Rosalía e Mulleres de Ourense, formado este último por mulleres de diferentes colectivos sociais da cidade, como a política, a comunicación, o empresariado ou a sanidade. A actividade tivo como obxectivo contribuír a visibilizar a loita contra o cancro de mama. A entrega do cheque coa recadación do partido benéfico tivo lugar este martes na sede da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense, asistindo por parte do campus de Ourense o director de área Ricardo Bendaña, e nela deuse ás grazas ás entidades e persoas colaboradoras. A recadación foi orixinada pola venda das entradas, participación dos patrocinadores, dos colaboradores e a fila cero.

Continúa a campaña solidaria de Nadal

Tamén no eido solidario, un Nadal máis o campus de Ourense ten en marcha a campaña solidaria de recollida de alimentos, xoguetes e libros, froito da colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense co Banco de Alimentos, Cruz Vermella e a Asociación Xuvenil Amencer. As persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, teñen á súa disposición ata o 15 de decembro na entrada dos principais edificios universitarios (Xurídico-Empresarial, biblioteca, pavillón de deportes, edificio Politécnico e o Edificio de Ferro) os carriños solidarios nos que depositar as súas doazóns. Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos e os libros e xoguetes a Cruz Vermella e á Asociación Xuvenil Amencer. Seguindo as indicacións de anos anteriores, as entidades que xestionarán as doazóns indican que preferentemente necesitan, no caso de alimentos produtos non perecedoiros, como conservas, aceite, leite, e, dadas as datas, produtos típicos do Nadal. No caso dos xoguetes e libros indícase que poden ser novos ou xa usados pero teñen que estar en bo estado e ser non bélicos e non sexistas, facendo fincapé na necesidade de que tamén se entreguen xoguetes e libros destinados a mozas e mozos.

Festival de Natación Campus Auga

Por último, o sábado 17 de decembro, a partir das 16.00 horas, a piscina universitaria do campus de Ourense, BeOne Lagoas, acollerá a celebración do primeiro Festival de Natación Campus Auga, organizado polo Club Natación Escualos Campus Auga. Aberto á comunidade universitaria e ás persoas interesadas, contará con probas de 50 m libres, 50 m braza, 50 m costas, 50 m bolboreta e 100 m estilos, habendo categorías sénior, máster e universitario. O custe da inscrición é unha doazón de alimentos non perecedoiros o día da competición, que se entregarán ao Banco de Alimentos de Ourense. Haberá medallas para os tres primeiro clasificados de cada categoría, masculina e feminina; un Trofeo Campus Auga ao mellor nadador e nadadora da comunidade universitaria (que terá de premio un mes de abono gratis na piscina universitaria) e un Trofeo Nadador Completo ao nadador e nadadora que realice as cinco probas no menor tempo posible (e que terá de premio un vale de 50 euros para gastar en Bouso Intersport). Tamén haberá obsequios para as e os participantes.