DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Entrebambalinas interpretará a peza 'Que viva o duque!'

O Teatro Principal acollerá a estrea da nova obra do alumnado do Programa Universitario de Maiores

A cita será o xoves 18 ás 20.00 horas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 15/01/2024

Este xoves, 18 de xaneiro, ás 20.00 h, o grupo teatral do Programa Universitario de Maiores do campus de Ourense, chamado Entrebambalinas, estreará no Teatro Principal da cidade a súa nova produción, a obra Que viva o duque!. A peza é unha versión libre de Fernando Dacosta (director das aulas treatro deste campus desde Sarabela Teatro) da obra de J.L Alonso Santos ¡Viva el Duque, nuestro dueño!, na que un grupo de cómicos ensaia unha peza de teatro que terán que representar ante o Duque de Simancas.

O elenco actoral que participa na obra está formado polas e polos estudantes do Programa Universitario de Maiores (PUM) Inés Miguélez, Chus Constenla, Xan Losada, Mariem Pena, Moncho Méndez, Emilia Martín, Puri Castiñeiras, Candi Rodríguez, Alfonso Moreiras e Pepa Blanco. A dirección corre a cargo de Sabela Gago, tamén profesora das aulas teatrais do campus e membro de Sarabela Teatro, con axudantía de Elisa Maneiro. “O grupo naceu no ano 2017 coa intención de darlle continuidade a aqueles alumnos e alumnas que despois de cursar a materia de Expresión Corporal nos cursos do PUM de Ourense querían continuar coa actividade”, explica Sabela Gago. En Entrebambalinas, subliña, “pretendemos divertirnos, aprendendo a comunicarnos mellor e sendo partícipes dunha montaxe teatral”. Así, destaca, a iniciativa permite ás persoas participantes “completar o seu tempo de ocio, desenvolverse creativamente e traballar o corpo e a voz”. Como broche a todo o traballo realizado, o grupo agarda con moita ilusión e gañas a estrea deste xoves. A entrada, de balde, recóllese desde unha hora antes da actuación na taquilla do Teatro Principal ata esgotamento de prazas.