DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pablo Dapena, Sara Tabares e Pablo Rodríguez protagonizarán un coloquio na Vicerreitoría 

Tres exemplos de talento e superación para motivar a futuros emprendedores

Aberto ao público e con inscrición previa, terá lugar o venres 3 de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/10/2023

Exemplos de constancia, superación e capacidade de adaptación, o campión do mundo de triatlón Pablo Dapena, a directora dun centro de adestramento persoal e divulgadora científica Sara Tabares e o fundador de Reizentolo, Pablo Rodríguez, serán o venres 3 de novembro os protagonistas da mesa redonda Talento e superación. Comezar, chegar e continuar. Promovida pola Vicerreitoría do campus, co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, está actividade ten como obxectivo achegar á comunidade universitaria a traxectoria de tres referentes en diferentes ámbitos, coa idea de que poidan servirlle como exemplos de superación e de motivación á hora de afrontar retos como impulsar os proxectos de emprendemento. 

Cun formato de conversa, na que se afondará tanto nos seus inicios e traxectorias, como nos seus proxectos de futuro, este encontro, aberto ao público e programado para as 20.00 horas. será conducido polo fisioterapeuta e fundador de ClínicasON, Hugo Ogando. “Tratase de motivar o alumnado e xerar unha mesa de debate na que poidan facer preguntas a tres expoñentes de talento de diferentes eidos”, sinala Ogando, egresado da Facultade de Fisioterapia. 

Con ese propósito e dando continuidade ao encontro que o pasado ano protagonizaron as medallistas olímpicas Teresa Portela e Sofía Toro e o escritor Defreds, para esta actividade buscouse reunir “diferentes perfís”, que permitisen “mostrar a posibilidade de superación dende diferentes puntos de vista”, como sinala Ogando. Como exemplo de “traballo e superación continua” no eido deportivo, o encontro contará con Pablo Dapena, triatleta profesional do equipo BMC, que recentemente anunciaba a súa retirada tras unha traxectoria deportiva na que destacan éxitos como proclamarse campión do mundo de longa distancia en 2018 e subcampión en 2019, así como varios podios en campionatos de Europa. O eido empresarial estará representado por Sara Tabares, directora do centro de adestramento persoal Performa e experta en actividade física na muller. Licenciada, ao igual que Dapena, en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e autora de varios libros sobre preparación física, Tabares combina estas facetas coa divulgación científica. É colaboradora do xornal El País e directora dun podcast e o seu traballo neste ámbito foi recoñecido co Premio Concha García Campoy. Finalmente, tanto o emprendemento como a creatividade están moi presentes na traxectoria do artista, deseñador e egresado da Facultade de Belas Artes Pablo Rodríguez, que fundou hai 20 anos a marca Reizentolo, de cuxa traxectoria facía balance recentemente no libro Antes molabamos máis (Galaxia, 2023).

Inscrición previa

Aberta a toda a cidadanía, será preciso realizar unha inscrición previa para asistir a esta mesa redonda, enviando un correo electrónico a eventos@maiskexperiences.com, no que figuren nome e apelidos, número de teléfono e DNI. No caso das e dos integrantes da comunidade universitaria solicítase tamén un “documento xustificativo” da súa pertenza á UVigo, posto que terán preferencia na inscrición no caso de completarse a capacidade da sala.