DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este ano concedéronse dúas bolsas con este obxectivo

Tres meses de formación no campus para facilitar a inserción laboral de persoas con diversidade

Pablo Gómez rematou este mércores a súa actividade na conserxaría do edificio Xurídico-Empresarial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 14/12/2022

Entre as iniciativas a prol da inclusión da UVigo está no campus de Ourense a convocatoria cada ano de bolsas para a formación de persoas con diversidade intelectual. O seu obxectivo é ofrecer a mozas e mozos con estas características coñecementos prácticos en dependencias da Universidade de Vigo que lles faciliten a adquisición de estratexias, habilidades e competencias persoais e profesionais encamiñadas a completar a súa preparación para o seu acceso ao mercado laboral e acadar así maiores graos de autonomía e independencia persoal. Neste 2022 concedéronse dúas bolsas, unha a Saúl Álvarez, que estivo no primeiro semestre, e outra a Pablo Gómez, que este mércores rematou a súa formación, ambos da asociación Down Ourense.  

Visibilizar e conciencia

A iniciativa, tal e como recolle a súa convocatoria, xorde do compromiso da Universidade de Vigo, como institución pública do ámbito educativo, na inclusión social de persoas con discapacidade a través da formación, proporcionándolles experiencias inclusivas e de normalización dentro da universidade, non só no ámbito da formación regulada senón tamén da formación ao longo de toda a vida. Esta convocatoria dá continuidade a outras similares realizadas en anos anteriores e que se viron suspendidas debido á situación sanitaria provocada pola covid-19.

As bolsas son de formación na especialidade de auxiliar de servizos xerais na conserxaría do edificio Xurídico-Empresarial do campus, onde están ubicadas as facultades de Ciencias Empresariais e Turismo, Dereito e Relacións Internacionais. Na despedida de Pablo Gómez, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, destacou o feito de que iniciativas como esta “amosan a implicación da Universidade de Vigo coa diversidade e coa incorporación de persoas con diversidade intelectual ou física á vida universitaria”. Neste senso, lembrou igualmente a posta en marcha este curso académico no campus de Ourense do Programa universitario para a o emprego e a vida autónoma. Estas accións, dixo, supoñen “unha forma de visibilizar a diversidade, de concienciar sobre ela e de colaborar para acadar un sociedade máis inclusiva”, polo que agradeceu ás persoas, centros e entidades implicadas a súa colaboración no bo desenvolvemento destas bolsas.

Do mesmo xeito, Silvia Álvarez, responsable de Formación e Emprego de Down Ourense, explicou que estas bolsas “permiten que persoas con discapacidade poidan pertencer ao campus universitario durante uns meses”. A continuidade desta actividade ano tras ano, recalcou, é moi positiva para as e os beneficiarios como experiencia laboral e de vida, pero tamén, engadiu, o é para o alumnado universitario xeral, que “pode ver que as persoas con discapacidade poden traballar en diferentes ámbitos”. Para as e os bolseiros beneficiarios, engadiu, esta experiencia resulta “moi grata”, sendo para moitos a súa primeira incursión laboral e unha experiencia moi enriquecedora por “ter compañeiros, un horario e unhas funcións”. Silvia Álvarez tamén puxo de relevo como “neste campus, nesta facultade, os nosos bolseiros sempre teñen unha acollida moi positiva, moi boa”.

Unha experiencia positiva

Segundo explicou Pablo Gómez, de 23 anos, esta bolsa é a súa segunda incursión laboral, tras traballar nun supermercado. No seu remate este mércores destacou que foi “unha experiencia moi positiva”. Durante tres meses, en horario de 09.30 a 13.30 horas, indicou, as súas tarefas centráronse na xestión e reparto do correo, a súa tarefa favorita, en atender tanto chamadas de teléfono como peticións das persoas que se achegaron á conserxería e en actividades como repoñer a fotocopiadora ou recoller chaves, entre outras. Apuntando como se sentiu “moi adaptado” ao posto que ocupou estes meses e o bo ambiente universitario, na súa despedida tivo palabras de especial agradecemento para as e os seus compañeiros de conserxería. “Fíxose moi ameno realizar estas prácticas, estiven moi cómodo e gustáronme as tarefas que realicei”, afirmou. Tanto é así que a súa idea agora é “preparar unha oposición para este tipo de traballo”. Igualmente, as e os seus compañeiros de conserxaría destacaron o bo aproveitamento de Pablo desta bolsa e a súa satisfacción polo traballo feito.