DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto de investidura do investigador do Cinbio e do CIC biomaGUNE terá lugar o 30 de marzo

A Universidade de Amberes distingue a traxectoria do catedrático Luis Liz-Marzán e noméao doutor honoris causa

Pola súa experiencia na síntese, caracterización e aplicación de nanopartículas metálicas plasmónica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Institucional
DUVI 16/12/2022

O catedrático da UVigo e do CIC biomaGUNE Luis Liz-Marzán suma unha nova distinción na súa prolífica traxectoria profesional. A Universidade de Amberes anunciou este xoves o seu nomeamento como doutor honoris causa no eido das ciencias “en reconocimiento pola súa experiencia na síntese, caracterización e aplicación de nanopartículas metálicas plasmónicas”, como explica a universidade belga.

O científico galego recoñece que esta distinción “ten un valor moi especial”. Por unha banda porque “expresa o recoñecemento que toda unha institución fai dunha relación científica estreita, prolongada e frutífera” e, pola outra, porque o “listado de persoeiros previamente distinguidos como honoris causa en ciencias pola Universidade de Amberes inclúe premios Nobel coma Andre Geim (un dos descubridores do grafeno); Robert Ernst (que potenciou o uso da resonancia magnética nuclear) ou o coñecido naturalista David Attenborough”. 

Esta é a primeira vez que o investigador do Centro de Investigacións Biomédicas da UVigo, Cinbio, e do Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriales CIC biomaGUNE de Euskadi recibe esta distinción “polo que ten un significado máis especial”.
 
Liz-Marzan será investido nun acto que terá lugar o día 30 de marzo. 

Máis de dez anos de colaboración

Liz-Marzán é un dos científicos máis citados do mundo, como certifica anualmente Clarivate Analytics e foi o primeiro investigador galego en obter, no 2011, unha prestixiosa axuda Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación, ERC, sendo na actualidade un dos poucos que conseguiu estas axudas en dúas ocasións consecutivas (2012-2017;2018-2023), ambas relacionadas con aplicacións biomédicas de nanomateriais. 

Tras 17 anos na Universidade de Vigo, en 2012 incorporouse ao CIC biomaGUNE do País Vasco, pero no pasado mes de marzo regresou á institución olívica como catedrático a tempo parcial, cargo que compatibiliza co seu traballo en Euskadi. 

No tempo que estivo no CIC biomaGUNE desenvolveu unha estreita colaboración coa Universidade de Amberes, que xurdiu hai algo máis de dez anos, “cando coincidín co profesor Gustaaf Van Tendeloo e a, daquela, profesora axudante Sara Bals no consorcio europeo ESMI (European Soft Matter Infrastructure) e más adiante na súa continuación (EUSMI)”. 

Precisamente Sara Bals foi quen propuxo o nomeamento de Liz como honoris causa. A investigadora, actualmente cun cargo equivalente ao de catedrática na Universidade de Amberes, acadou consecutivamente unha ERC Starting Grant e unha ERC Consolidator Grant, ambas na temática da microscopía electrónica, en concreto, en tomografía electrónica. “Esta técnica”, explica Liz, “permite obter imaxes en 3D de nanomateriais e ten sido esencial para a caracterización de moitos dos materiais que sintetizamos, tanto na Universidade de Vigo coma no CIC biomaGUNE”. Nesta década de colaboración ambos teñen publicado máis de 60 traballos conxuntos nas mellores revistas do campo, como Science, Nature Materials, Proceedings of the National Academy of Sciences of USA, Nature Communications, Journal of the American Chemical Society, ACS Nano, Nano Letters ou Advanced Materials, etc. e na actualidade “aínda temos en marcha un bo número de colaboracións e loxicamente tamén unha moi boa relación persoal”.

Este primeiro nomeamento como doutor honoris causa para Luis Liz súmase a outros recoñecementos, como o Premio Fundación Lilly de Investigación Biomédica (2021), o Premio Nacional Enrique Moles de Ciencia y Tecnología Químicas (2018), ou o Premio Rey Jaime I en Investigación Básica (2015).

Outras distincións da Universidade de Amberes

Ademais de Liz-Marzán, a Universidade de Amberes investirá no mes de marzo outros catro persoeiros internacionais como doutores honoris causa, tres por eidos do coñecemento especializados e outro por mérito xeral. Así, Roshaneh Zafar, impulsora e directora xeral da Fundación Kashf, recibirá a distinción global pola súa traxectoria como como activista a prol do desenvolvemento e o empoderamento económico das mulleres en Paquistán. O profesor Luca Bertolini, da Universidade de Ámsterdam, foi seleccionado no eido das ciencias do deseño pola súa experiencia en planificación urbanística, mentres que o profesor Shaker A. Zahra, da Universidade de Minnesota, no campo das ciencias económicas e empresariais, pola seu traballo no no campo do emprendemento. Finalmente, no eido das artes foi distinguido o profesor da Universidade de Harvard Daniel Lord Smail, pola súa contribución na temática das cidades de finais da idade media para a importancia da historia medieval na actualidade.