DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destinada a docentes, xa está dispoñible en formato dixital 

Universidade e Deputación lanzan unha guía para impulsar a reflexión crítica da mocidade sobre a situación do galego

Busca que o alumnado de secundaria comprenda a minoración do idioma

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 19/04/2023

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Lingua, e a Universidade de Vigo, a través da súa Área de Normalización Lingüística, lanzan unha guía dirixida a impulsar unha reflexión crítica entre a mocidade respecto da situación social do galego. Destinada a docentes, a publicación quere aproveitar unha “etapa vital de grandes cambios”, como é a educación secundaria, para que o alumnado acade “plena autonomía, xustiza e liberdade lingüística”, segundo informou a institución provincial.

Titulada A reflexión sobre a lingua na sociedade: alén dun contido curricular, unha necesidade estratéxica. Propostas para a docencia, esta publicación xa está dispoñible en formato dixital na web da Deputación. Realizada polos investigadores da UVigo Fernando Ramallo e Luís López Alonso e polo profesor do CEIP Plurilingüe de Louro Xabier Benavides, esta publicación é o resultado final do proxecto de investigación Lingua e sociedade no ensino secundario obrigatorio e no bacharelato. Práctica docente, formación, expectativas de futuro, demandas e propostas de mellora entre o profesorado, desenvolvido pola UVigo co financiamento da Deputación. Coordinado por Ramallo, profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, este proxecto abrangueu previamente unha fase de traballo de campo e unha xornada participativa, que tivo lugar o pasado mes de novembro no Pazo Provincial. 

Afondar a situación sociolingüística do galego

O traballo define algunhas ferramentas e propostas dirixidas a mellorar o ensino da situación sociolingüística do galego nas aulas de secundaria e busca contribuír a que o alumnado comprenda a situación de minoración na que se atopa o idioma. De feito, a guía destaca que dentro da amálgama de coñecementos lingüísticos presentes no sistema educativo, a perspectiva sociolingüística crítica é fundamental se se quere contribuír dende o ensino a que “o alumnado acade unha plena autonomía, xustiza e liberdade lingüísticas como suxeito social”. A publicación fai énfase nese senso, segundo recolle a Deputación, en que “é unha condición indispensable –mais nunca suficiente- para que o alumnado sexa quen de se emancipar (socio)lingüisticamente”.

Entre outras fortalezas para poder desenvolver a reflexión crítica coa rapazada, o estudo sinala a “etapa vital do alumnado de secundaria, chea de importantes cambios, cun relevante potencial para afondar nas problemáticas sociais dende a reflexión sociolingüística crítica”, algo que debe ser aproveitado dende os equipos de dinamización lingüística dos institutos e centros de educación secundaria. A publicación subliña nese senso a necesidade de “facer conscientes –a alumnas e alumnos- da preocupante situación social do idioma galego e ir desbotando prexuízos sobre a nosa lingua vixentes en parte da poboación escolar”, co propósito de acadar un maior número de neofalantes.

Ademais da súa versión dixital, a guía está a ser distribuída en formato físico entre os centros de ensino, bibliotecas e puntos de lectura municipais da provincia. Así mesmo, as persoas interesadas tamén poden solicitar un exemplar físico no departamento de Lingua da institución provincial.