DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa promovida no marco de ‘FAKELocal’, en colaboración con Newtral

O alumnado da Facultade de Comunicación iníciase na verificación de datos nos debates electorais das autonómicas galegas 

Un libro impulsado ao abeiro deste proxecto afonda na desinformación no ámbito local

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Investigación
  • Publicacións
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 06/02/2024

Coordinado polos investigadores do grupo CP2 da Facultade de Comunicación Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto, o proxecto Mapa de la Desinformación en las Comunidades Autónomas y Entidades Locales de España y su Ecosistema Digital (FAKELocal) pon o foco nos efectos da desinformación nun ámbito pouco analizado, como é a política autonómica e local. No marco desta iniciativa e en colaboración con Newtral, un grupo de 15 alumnos e alumnas desta facultade fórmanse nestas semanas no manexo de técnicas e ferramentas de verificación de datos, pondo os seus coñecementos en práctica nun seguimento dos debates das autonómicas galegas. Tamén no marco deste proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, nestes días ve a luz un libro que afonda no impacto da desinformación na esfera local, realizado coa colaboración da Asociación Española de Investigación en Comunicación (AE-IC) e que reúne as achegas de 15 especialistas de diferentes universidades.

Da formación á posta en práctica

Inserido tanto nas actividades deste proxecto como nos labores de formación e alfabetización mediática de Newtral Educación, alumnado das tres universidades galegas participa nestes días nun Verificatón, dirixido a que o estudantado coñeza como se desenvolve un proceso de fact-checking coincidindo cos debates televisivos previos ás eleccións autonómicas. No caso da Facultade de Comunicación, 15 estudantes da materia do Grao en Publicidade e Relacións Públicas Técnicas de Comunicación Electoral, que imparten Rúas e Iván Puentes, sumáronse a unha iniciativa que abrangueu en primeiro termo unha xornada de formación sobre como comprobar, con datos e fontes, a veracidade das afirmacións realizadas no marco dun debate.

O obxectivo desta iniciativa, como sinala Rúas, é que puideran “adquirir destrezas e hablidades no fact-checking”, para logo polas en práctica nun seguimento en directo, xunto aos docentes da materia e representantes de Newtral, tanto do debate celebrado na noite deste luns como do que terá lugar o próximo mércores 14. “Foi algo interesante, porque é verdade que a desinformación é un tema que tratamos con bastante frecuencia na facultade, pero nunca o levaramos tanto á práctica”, sinala Noela Sanjurjo, unha das participantes nunha actividade que desenvolven a través dunha plataforma virtual, divididos en diferentes equipos. “Un grupo transcribía as frases, outro comprobaba se eran cuestións verificables ou se eran frases máis ambiguas e un terceiro ía contrastando a información”, engade Xulia Vicente, praticipante tamén neste hackatón electoral.

O impacto da desinformación na esfera local 

Nas actividades de FAKELocal insírese tamén a publicación do libro El impacto de la desinformación en el ámbito local, promovido xunto coa AE-IC e que dá continuidade ás xornadas sobre esta temática celebradas o pasado mes de xuño na facultade pontevedresa. Coordinado por Rúas, Laura Alonso, da Universitat Jaume I, e Francisco Javier Paniauga, da Universidad de Málaga, o obxectivo deste libro “é ver como afectou o fenómeno global da desinformación no ámbito rexional e local, describindo algunhas das iniciativas e os recursos para combatela”. Editado por Fragua, este volume reúne as achegas de 15 expertos e expertas das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Sevilla, Navarra e Jaume I de Castelló, así como da Central European University de Viena e da Ponificia Universidad Católica de Valparaíso. 

Como explican os seus editores, o volume estrutúrase en “tres grandes bloques temáticos”, dos que o primeiro pon o foco “na importancia dos medios de comunicación públicos para facer fronte á desinformación”. Un segundo apartado detense na incidencia desta problemática en España, con estudos que analizan os seus efectos nas eleccións xerais celebradas o pasado mes de xullo, a presenza de informacións falsas nos debates das autómicas andaluzas de 2022 e na análise dos “pseudemedios”, que difunden contidos falsos. Finalmente, o último bloque aborda tanto “as oportunidades e desafíos que teñen os medios locais para afrontar a verificación de desinformación”, como a actividade de diferentes plataformas de verificación, recollendo algúns dos resultados do proxecto de estudo dos fact-checkers iberoamericanos desenvolvido polo grupo de investigación Sepcom, tamén da Facultade de Comunicación da UVigo.