DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No curso que promove xunto á Deputación de Pontevedra, inaugurado na tarde deste martes

A Universidade forma o tecido empresarial para concorrer a proxectos europeos

Na formación participan 36 profesionais de diferentes sectores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 26/09/2023

No programa de financiamento aprobado pola Comisión Europea para o período 2021-2017 recóllense un bo número de convocatorias nas que as empresas poden participar de forma activa, xunto con outra serie de axentes como as universidades e os centros de investigación. Que profesionais de diferentes empresas da provincia poidan coñecer as oportunidades de financiamento que implican os programas comunitarios, os criterios de elixibilidade e unha serie de boas prácticas de cara a preparar unha solicitude con éxito é o propósito central do curso formativo Como captar financiamento europeo para a túa empresa. Promovido pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, este programa formativo celebrou na tarde deste martes a súa sesión inaugural na sede da Vicerreitoría do campus, coa participación de 36 profesionais, procedentes de empresas de diferentes sectores.

Financiado con preto de 20.000 euros pola institución provincial, trátase dunha actividade formativa gratuíta de 75 horas, dirixida ao persoal das empresas da provincia, que foi inaugurada nesta xornada pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, coordinadora institucional do curso; a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a deputada provincial de Fondos Europeos, María Ramallo; e a directora de área de Proxectos Internacionais de Educación da UVigo, Eva Garea, coordinadora do plan formativo. Neste acto, puxeron de relevo que existen múltiples convocatorias comunitarias abertas ás empresas, nas que ademais poden ter como socias á Universidade e que poden proporcionarlles oportunidades de traballo en rede e de conexión con outras empresas do sector e potenciais socios. De aí que incidisen no positivo dunha iniciativa que é ademais a primeira actividade formativa externa realizada dende a Oficina de Proxectos Internacionais, que xestiona actualmente máis dun centenar de proxectos con financiamento externo, como lembrou Rubio nesta presentación, na que lembrou ás empresas que poden ter na Universidade "un aliado" ante este tipo de convocatorias.

O curso desenvolverá as súas seguintes sesións, agás a primeira do módulo práctico, de xeito virtual, a través de Campus Remoto. Nese senso, o curso comprende tanto unha parte teórica, na que afondar nas fontes de financiamento europeas, nos principais programas, no calendario de convocatorias e nos criterios de avaliación de propostas; como un bloque de contidos de carácter práctico. Este último está dirixido a que os 36 inscritos e inscritas aprendan a navegar polo portal da UE, preparen o seu perfil europeo e adquiran unha serie de coñecementos sobre como formular os proxectos, buscar socios e presentar as propostas.