DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade pon en marcha un Punto Lila Virtual

Para recoller consultas e queixas de acoso sexual ou de acoso por razón de sexo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Diversidade
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 23/10/2023

Dende este luns a Universidade de Vigo conta xa cun Punto Lila Virtual, un espazo web para recoller consultas e queixas de acoso sexual ou de acoso por razón de sexo que poidan suceder en calquera espazo da contorna universitaria. Como explican dende a Unidade de Igualdade, este é un recurso que permite “facer unha consulta ou trasladar unha queixa sobre unha posible situación de acoso sexual ou de acoso por razón de sexo en calquera espazo, físico ou virtual, da Universidade de Vigo”. Para iso, os membros da comunidade universitaria deberán cubrir un formulario que está dispoñible en galego pero tamén e inglés, poñéndoo así a disposición do maior número de xente posible, que é un dos seus obxectivos principais e atendendo especialmente á situación do alumnado estranxeiro, “que é un dos colectivos máis vulnerables segundo a nosa experiencia pola falta de redes de apoio aquí”. 

A información recollida neste cuestionario trasládase posteriormente de forma directa e confidencial á Unidade de Igualdade. Todas as cuestións atenderanse de forma preferente nun prazo máximo de 48 horas e encher o formulario non supón unha denuncia formal nin implica a activación do Protocolo marco de actuación para a prevención e a sanción do acoso sexual e por razón de sexo da UVigo. 

Ademais, na páxina web da Unidade de Igualdade tamén se pode atopar información e ferramentas como o Protocolo marco de actuación para a prevención e a sanción do acoso sexual e por razón de sexo da Universidade de Vigo; o formulario de denuncia ante unha posible situación de acoso sexual ou por razón de sexo e a diagnose do acoso sexual e por razón de sexo na Universidade de Vigo, entre outros recursos.