DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O plan foi aprobado este luns polo Consello de Goberno

A Universidade porá en marcha un programa de formación para o profesorado novel

Tamén se deu o visto bo ao límite máximo de 240 horas anuais de dedicación docente

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • HRS4R
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 30/10/2023

A formación do profesorado universitario cada vez ten máis importancia e mostra disto é que LOSU recolle no seu artigo 67 que “as universidades garantirán a formación inicial e continuada do seu profesorado” e no artigo 78.b establécese que “para o desenvolvemento da súa capacidade docente, as profesoras e profesores axudantes doutores deberán realizar, no primeiro ano de contrato, un curso de formación docente inicial cuxas características serán establecidas polas universidades, de acordo coas súas unidades responsables da formación e innovación docente”. Para dar resposta a estas demandas, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou na sesión celebrada este luns o Plan de formación do novo profesorado 2023-2025, un programa que terá un carga docente de 10 créditos ECTS repartidos en dous cursos académicos.

A sesión, na que tamén se aprobaron entre outros temas, a normativa dos Programas Académicos con Percorridos Sucesivos no ámbito da Enxeñería e da Arquitectura e os límites de dedicación docente do profesorado para o vindeiro curso, comezou, como é habitual, co informe do reitor. Nel, ademais de repasar os feitos máis salientables acontecidos na institución académica viguesa ao longo das últimas semanas, Manuel Reigosa deu conta dun cambio na secretaría do Comité de ética para a investigación con seres humanos e medio ambiente, Ceishma, que, por renuncia do profesor Óscar Veloso, pasará a estar ocupada pola profesora do Departamento de Didácticas Espaciais Silvia Varela. A maiores, aproveitou tamén para agradecerlle ao profesor José María Gómez Clemente, “por ter traballado arreo en prol da lingua galega ao longo de toda a súa vida, así como por todo o seu labor no desenvolvemento das probas ABAU” e para felicitar aos 33 docentes da UVigo que aparecen entre os máis citados no ránking de Stanford. O reitor aproveitou tamén o seu informe para agradecerlle aos diferentes servizos o esforzo realizado na implantación dos sistema Sigma, “por resolver todas as incidencias que van xurdindo no día a día”, e anunciar, neste sentido, que se vai implantar o módulo de prácticas curriculares, Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Mestrado.

Formación para o profesorado novo

Para a elaboración do programa de formación para o profesorado novo, a Vicerreitoría de Titulacións e Innovación Docente realizou unha análise previa na que se avaliou como as universidades públicas españolas abordaban este aspecto. O estudo, que empregou datos de 47 institucións, permitiu determinar que só 20 ofrecen formación específica para o profesorado novel, con estruturas moi diversas, dende a inclusión do profesorado novel en programas de formación permanente xa existentes, ata programas dun só curso ou varios e mesmo a implantación de títulos propios sobre docencia universitaria. Con todo, nas institucións analizada existen unha serie de características comúns, como “a flexibilidade, o proceso de mentoría e o feito de estar destinados a profesorado con vinculación non permanente cun número máximo de anos na institución e persoal investigador con carga docente”, destacaba o vicerreitor Alfonso Lago. Así, a partir desta información, a Vicerreitoría de Titulacións e Innovación Docente elaborou un plan de formación para o novo profesorado, cuxas liñas prioritarias pasan pola adquisición de competencias docentes,  (planificación das materias, metodolóxica, motivación, comunicación, integración de medios tecnolóxicos, titoría e avaliación), de competencias de pertenza institucional, de competencias de innovación e de competencias transversais. O programa está destinado “ao profesorado axudante doutor, ao profesorado permanente laboral e ao persoal investigador con carga docente tanto da UVigo como dos centros adscritos, se así o reflicte explicitamente o convenio de colaboración asinado, con menos de cinco anos desde a súa incorporación”.

No que atinxe á estrutura, no primeiro ano do Programa de Formación do Profesorado Novel, as persoas inscritas realizarán o Curso de formación inicial para a docencia, mentres que no segundo ano, completarán a súa formación cursando 5 ECTS en cursos do Programa de Formación Permanente do Profesorado, nos que se lles reservarán prazas. Neste segundo ano académico poderán, voluntariamente, completar a súa capacitación desenvolvendo un proxecto educativo mentorizado por docentes da institución.

Os Programas Académicos con Percorridos Sucesivos, a partir do próximo curso 

Nesta sesión do Consello de Goberno tamén se aprobou a normativa relativa aos Programas Académicos con Percorridos Sucesivos (PARS) no ámbito da Enxeñería e da Arquitectura, que se poderán comezar a implantar no curso 2024/2025. Estes programas permitirán cursar un grao e un mestrado de forma sucesiva, mediante diferentes itinerarios orientados á especialización profesional. Como explicaba o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, “non se trata de novas titulacións, senón que proporcionan itinerarios curriculares específicos que permiten cursar as dúas titulacións oficiais vencelladas preexistentes de forma parcialmente simultánea”. 

Entre as vantaxes deste tipo de formacións, está o feito de que se permitirá o acceso e matrícula ao máster dende o grao vencellado, aínda no caso de que o estudante teña materias pendentes (as que se indiquen na memoria do programa), incluíndo o TFG, sempre e cando non sume no seu conxunto mais de 30 créditos ECTS. Isto implica que o estudantado poderá cursar os TFG e TFM simultaneamente (aínda que se terán que presentar independentemente) e terá unha maior flexibilidade para cursar as materias de ambos plans de estudo. Con todo, o vicerreitor fixo fincapé en que “non se trata dun título único conxunto senón que o alumnado obterá cada título independentemente. De feito, en ningún caso se poderá obter o título de mestrado sen ter obtido o título de grao, e establecese a prohibición de reserva de praza no mestrado implicado no PARS.

Coa aprobación este luns da normativa ábrese a porta a que os centros poidan presentar as súas propostas de PARS ata o 24 de novembro. Estas deberán ser aprobadas polos órganos de goberno da Universidade e posteriormente terán que recibir o informe favorable da Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) que avaliará se cumpre cos requisitos aprobados pola Rede Española de Axencias de Calidade Universitaria (REACU). Ademais, como explicaba Lago, solicitarase á Secretaría Xeral de Universidades unha oferta específica para estes programas. É dicir, que das prazas correspondentes ao grao e máster, o centro que solicite o PARS reserve un número determinado (sempre inferior ao límite da oferta) de prazas para este programa. De este xeito, na oferta da CIUG aparecerá de forma semellante a como se ofertan os PCEOs.

Máximo de 240 horas de docencia por curso

Durante a sesión deuse o visto e bo á normativa que establece os límites de dedicación docente do profesorado para o curso académico 2024/2025, na que se estipula que a actividade docente ocupará un máximo de 240 e un mínimo de 120 horas lectivas por curso académico, algo que é aplicable ao PDI permanente tanto en réxime funcionarial como laboral ou ás figuras en réxime de interinidade asimilables a cada unha delas. “Trátase dunha normativa esencialmente continuísta coa que tiñamos ata o de agora”, explicou a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Patricia Valcárcel, quen fixo fincapé en que as novidades veñen derivadas da necesidade de acomodar esta normativa á LOSU, que establece un teito máximo de 240 horas anuais “algo que era xa un compromiso que tiña este equipo reitoral e, simplemente, o que supón agora a nova norma é adiantar un ano o que xa se tiña pensado facer”.

O resto de novidades veñen relacionadas, segundo explicou a vicerreitora, coa necesidade de matizar e dar seguridade xurídica a distintos recoñecementos que xa existían como a desgravación docente de ata o 100% (50% no segundo ano) para as profesoras a tempo completo que finalicen o seu permiso por parto ou por adopción, garda con fins de adopción ou acollemento. “O que facemos agora é fixar o momento no que se pode facer efectiva esta desgravación, que é no seguinte curso académico á finalización dese permiso”, subliñou a vicerreitora, quen lembrou que se trata dunha medida destinada a que poidan dedicar todo o seu tempo de traballo a labores de investigación, de maneira que a maternidade non penalice a súa carreira investigadora. Por outra banda, para o PDI que teña cumpridos 63 ou máis anos o máximo de dedicación docente será agora de 230 horas.

Impulso da ciencia aberta

A orde do día do Consello de Goberno incluíu tamén a aprobación dos criterios de avaliación da produción de investigación aplicables aos méritos correspondentes ao ano 2023, unha proposta de cambios que, tal e como explicou a vicerreitora de Investigación e Transferencia Belén Rubio, vai dirixida a incentivar a publicación en aberto. A nivel xeral os novos criterios buscan simplificar no posible o proceso avaliador, considerando os elementos máis significativos da difusión da actividade investigadora, confirmada polo rigor e esixencia no proceso de difusión das publicacións, e a difusión internacional.

A recente implantación dos institutos de investigación da UVigo (Agroecoloxía e Alimentación, Linguaxe e Cognición, Xustiza e Xénero e Física e Ciencias Aeroespaciais) motivou a modificación da normativa de sinatura científica, de cara a normalizar a filiación institucional e do nome persoal nas publicacións do persoal vinculado á UVigo. En canto á Oferta de Emprego (OEP) da Universidade de Vigo, aprobouse a convocatoria de nove prazas de profesorado titular destinadas á estabilización do persoal investigador.

Outros temas

No transcurso desta sesión tamén se aprobaron os criterios de elaboración da programación docente anual (PDA) para o curso 2024/2025 que, como explicou o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, apenas sufrirán cambios respecto do curso anterior, salvo pequenas modificacións solicitadas polos centros. Outro dos puntos que levou o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente a esta xuntanza foi o teito de horas destinado a actividades de xestión e apoio nos centros e campus para o curso 2024/2025, un total de 14.000, que foi aprobado por asentimento, así como a modificación do manual Docentia para adaptalo ao protocolo ACSUG, incorporando, por exemplo, nos criterios de avaliación os apartados de Profesionalización e Orientación á mellora continua, entre outros cambios.

A sesión incluíu tamén outras cuestións como a aprobación dos parámetros de ponderación da proba ABAU para o vindeiro curso e o nomeamento da profesora do Departamento de Organización de Empresas e Márketing María del Carmen Otero Neira como novo membro  da Comisión de Mobilidade Internacional no sector de responsables de Relacións Internacionais dos centros. Así mesmo, aprobouse a inclusión de dous novos membros da Comisión de Convivencia e Bo Goberno e dun representante na Comisión de Investigación e Transferencia delegada do Consello de Goberno.