DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investiranse en equipamentos para o animalario, a ECIMAT, o CACTI e AtlantTIC

A Universidade de Vigo acada máis de 2,5 millóns de euros para infraestruturas científico-tecnolóxicas

Os recursos captáronse a través de convocatorias do Ministerio de Ciencia e Innovación

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/12/2011
Dispor de equipos necesarios para o desenvolvemento do seu traballo poder resultar moi complicado e ate imposible para os grupos de investigación cando o custo dos equipamentos é moi elevado. De aí que algúns de eses equipos se consideren como parte dos servizos centrais da Universidade e como tal concorran ás convocatorias públicas de financiamento. Este foi o procedemento a través do que a Universidade de Vigo obtivo 2.564.327 de euros en dúas convocatorias de infraestruturas científico-tecnolóxicas do Ministerio de Ciencia e Innovación que permitirán adquirir equipamento destinado ao animalario, á ECIMAT, o CACTI e AtlantTIC. “Tendo en conta as solicitudes realizadas e o nivel de competencia en estas convocatorias e tamén a conxuntura actual, o resultado obtido nas dúas convocatorias ás que concorremos é moi satisfactorio”, explica a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, en relación cos fondos captados para complementar os medios científico-técnicos dos centros de investigación da Universidade de Vigo.
Entre os anos 2004 e 2010 a institución académica viguesa obtivo en diversas convocatorias de infraestruturas, tanto de equipamento científico tecnolóxico, como de edificios, máis de 45 millóns de euros.

Do equipamento básico para o animalario…

Dos algo máis de 2,5 millóns de euros acadados pola Universidade de Vigo nas dúas convocatorias do Ministerio de Ciencia e Innovación o 67% do importe total procede de proxectos de infraestruturas científico-tecnolóxicas cofinanciados polo FEDER, mentres que o 33% restante chega a través de axudas do subprograma de actuacións científico-tecnolóxicas nos parques científicos e tecnolóxicos INNPLANTA. Do total de 1.721.175 de euros acadados na convocatoria de infraestruturas FEDER, preto de 1 millón destinarase ao equipamento básico para o animalario da Universidade de Vigo. “Inclúe todo o sistema de gaiolas, sistema de lavado e alimentación de animais, sistemas de esterilización, planta de tratamento de augas, sistema de biocontención (cabinas de desinfección, duchas, portas automáticas), así como equipos de estabulación e illamento ou sistemas de tratamento e dispensado de labras”, detalla Asunción Longo.

Pola súa banda AtlantTIC poderá dispor de unha plataforma TIC avanzada por importe de 424.000 euros destinado á investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións e que inclúe, entre outras dotacións: plataforma de estudo de vídeo IP sobre redes inalámbricas, analizador vectorial de redes a frecuencia de terahercios ou sistema de desenvolvemento para procesado de alto rendemento de sinais de comunicacións.

No caso da ECIMAT os máis de 105.000 euros concedidos destinaranse a unha embarcación intraborda de arredor de 8 m. de eslora, modificada para mostraxes en investigación mariña, equipada con sistema eléctrico con capacidade e autonomía axeitadas, adaptación para instalación de ecosondas, cabina de traballo e equipos de investigación, entre outras dotacións. Por último os case 214.000 euros concedidos ao CACTI destinaranse a equipamento para caracterización de compostos e materiais, incluíndo equipos de difracción de raios X monocristal, un analizador isotópico de auga e un perfilómetro mecánico para análise de superficies.

… ás instalacións específicas de laboratorios para o módulo biosanitario do novo CACTI

Na convocatoria INNPLANTA á Universidade de Vigo fóronlle concedidos 843.152 euros dos que máis de 500.000 destinaranse ao módulo biosanitario do novo CACTI o que segundo explica a vicerreitora de Investigación, inclúe: “todas as instalacións específicas de laboratorio como campás ou mobiliarios específico”. Os preto de 300.000 euros restantes investiranse en equipamento complementario para o animalario, incluíndo as dotacións do quirófano e anestesia e un sistema informático de xestión integral.