Investiranse en equipamentos para o animalario, a ECIMAT, o CACTI e AtlantTIC
A Universidade de Vigo acada máis de 2,5 millóns de euros para infraestruturas científico-tecnolóxicas
Os recursos captáronse a través de convocatorias do Ministerio de Ciencia e Innovación
Entre os anos 2004 e 2010 a institución académica viguesa obtivo en diversas convocatorias de infraestruturas, tanto de equipamento científico tecnolóxico, como de edificios, máis de 45 millóns de euros.
Do equipamento básico para o animalario…
Dos algo máis de 2,5 millóns de euros acadados pola Universidade de Vigo nas dúas convocatorias do Ministerio de Ciencia e Innovación o 67% do importe total procede de proxectos de infraestruturas científico-tecnolóxicas cofinanciados polo FEDER, mentres que o 33% restante chega a través de axudas do subprograma de actuacións científico-tecnolóxicas nos parques científicos e tecnolóxicos INNPLANTA. Do total de 1.721.175 de euros acadados na convocatoria de infraestruturas FEDER, preto de 1 millón destinarase ao equipamento básico para o animalario da Universidade de Vigo. “Inclúe todo o sistema de gaiolas, sistema de lavado e alimentación de animais, sistemas de esterilización, planta de tratamento de augas, sistema de biocontención (cabinas de desinfección, duchas, portas automáticas), así como equipos de estabulación e illamento ou sistemas de tratamento e dispensado de labras”, detalla Asunción Longo.Pola súa banda AtlantTIC poderá dispor de unha plataforma TIC avanzada por importe de 424.000 euros destinado á investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións e que inclúe, entre outras dotacións: plataforma de estudo de vídeo IP sobre redes inalámbricas, analizador vectorial de redes a frecuencia de terahercios ou sistema de desenvolvemento para procesado de alto rendemento de sinais de comunicacións.
No caso da ECIMAT os máis de 105.000 euros concedidos destinaranse a unha embarcación intraborda de arredor de 8 m. de eslora, modificada para mostraxes en investigación mariña, equipada con sistema eléctrico con capacidade e autonomía axeitadas, adaptación para instalación de ecosondas, cabina de traballo e equipos de investigación, entre outras dotacións. Por último os case 214.000 euros concedidos ao CACTI destinaranse a equipamento para caracterización de compostos e materiais, incluíndo equipos de difracción de raios X monocristal, un analizador isotópico de auga e un perfilómetro mecánico para análise de superficies.