DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura de cadanseu Contrato Programa

A Universidade de Vigo potencia o apoio aos seus tres centros CIGUS: atlanTTic, CINBIO e CIM

O obxectivo é manter e elevar o seu nivel de excelencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 02/10/2023

A Universidade de Vigo continúa a potenciar o apoio aos seus tres centros de investigación  recoñecidos pola Xunta de Galicia como centros singulares: o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic; o Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina, CINBIO; e o Centro de Investigación Mariña, CIM. Fíxoo nesta ocasión coa sinatura de Contratos Programa que, ademais de asegurar un financiamento basal, achéganlles a estes centros unha porcentaxe de retorno dos custes indirectos, co obxectivo de manter e elevar o seu nivel de excelencia. 

A sinatura destes Contratos Programa tivo lugar este luns no despacho do reitor, Manuel Reigosa, e contou coa participación dos responsables destes tres centros: Martín Llamas, de atlanTTic; Miguel Ángel Correa, do CINBIO, e Daniel Rey, do CIM.

A Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS) está integrada por oito centros de investigación universitaria considerados punteiros: CiQUS, CiMUS, CiTIUS e Igfae, da Universidade de Santiago de Compostela; atlanTTic, CINBIO e CIM, da de Vigo (UVigo); e CiTIC da de A Coruña (UDC).