DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa presentación na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da rede Artigo9tech

As universidades galegas reivindican nunhas xornadas o seu papel como axentes de cooperación

Búscase fomentar a colaboración e emprender iniciativas compartidas no ámbito tecnolóxico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Cooperación
  • Cultura
D. Besadío DUVI 01/12/2023

Docentes das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo participaron este venres na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación nas IV Xornadas de Tecnoloxía para o Ben Común, educación, investigación e cooperación para o desenvolvemento nas universidades galegas, unha actividade coorganizada entre diferentes entidades e que serviu de marco para a presentación de Artigo9tech, un grupo de investigación financiado por Cooperación Galega co que se busca crear unha rede de profesorado e colaboradores das tres universidades galegas e da sociedade civil para fomentar a colaboración e as iniciativas compartidas no ámbito tecnolóxico, entendido no sentido amplo, aínda que con especial relevancia en enxeñaría e arquitectura, aplicado ao contexto da cooperación para o desenvolvemento.

A apertura das xornadas, no salón de graos da escola, contou coa participación da directora do centro, Rebeca Díaz, xunto coa directora da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, Elena Alonso; a directora da área de Equidade e Diversidade da UVigo, Henar Quintas, e a profesora da EET Cristina López Bravo, integrante de Artigo9tech.

Rede composta por unha trintena de especialistas 

Tal e como se explicou nas xornadas, o grupo inclúe especialistas en disciplinas tan diversas como enxeñaría civil, arquitectura, urbanismo e planificación, enerxía e sostibilidade, telecomunicacións, voluntariado e cooperación, socioloxía e tecnoloxías aplicadas, así como a participación activa das ONGD Arquitectura Sen Fronteiras e Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia. Son en total unha trintena de persoas con experiencias previas en proxectos de cooperación de ámbito autonómico, nacional e internacional; iniciativas que inclúen unha forte relación con universidades, autoridades locais e grupos da sociedade civil en países como Mozambique, Honduras, Nicaragua, Senegal, Bolivia ou Guinea Bissau.

Desde a Universidade de Vigo participan neste proxecto a profesora Cristina López Bravo, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; os profesores Xavier Lavandeira e Xavier Simón, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, e Xosé Baamonde, da Facultade de Comunicación.

Escaparate de accións emprendidas e proxectos de futuro

Tras a presentación da rede tivo lugar o relatorio de diferentes experiencias de cooperación emprendidas desde as universidades galegas. Por parte da Universidade de Vigo o profesor da Facultade de Ciencias do Mar Gonzalo Méndez, explicou a súa experiencia na posta en marcha de diferentes accións de emprendemento sustentable en Cabo Verde, así como outras actividades relacionadas en Guinea Bissau e Mozambique. 

Por outra banda, Fernando Ramallo, da Facultade de Filoloxía e Tradución, explicou os detalles dun proxecto para o que se solicitará a axuda da AECID sobre educación dixital en linguas bantús de Mozambique, cuxo principal obxectivo é analizar a sustentabilidade pedagóxica da educación bilingüe a través da tecnoloxía (deseño de contidos dixitais) nun país marcado pola pobreza e a vulnerabilidade do seu sistema educativo. “Na medida do posible, a idea que nos propomos é axudar a superar esa barreira coa creación innovadora de materiais dixitais en linguas indíxenas bantús de Mozambique e en portugués como lingua oficial”, salientou Ramallo, cabeza visible dunha proposta da que tamén forman parte os profesores da EE de Telecomunicación Felipe Gil e Cristina López Bravo.